Deputación de Lugo

A Deputación abre vías de colaboración coa Asociación de Veciños de Parteme para mellorar os servizos públicos neste núcleo de Quiroga

Quiroga
Representantes veciñais expuxeron á voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, as principais necesidades desta aldea da parroquia quiroguesa de Nocedo, entre as que destaca a necesidade de obras que posibiliten o acceso de ambulancias ó núcleo de poboación

Os veciños lamentan a falta de resposta do Concello ante os escritos que lle presentaron para expoñer carencias en materia de infraestruturas, fosas sépticas e desaugadoiros, limpeza e iluminación, motivo polo que xa teñen dirixido cartas á Valedora do Pobo

García Porto comprometeuse a estudar as demandas de Parteme e “as posibilidades de solución, para seguir traballando na nosa liña de cooperación cos concellos, de mellora da mobilidade e de favorecer o acceso ós servizos públicos a todos os veciños e veciñas da provincia”

Representantes da Asociación de Veciños de Parteme, aldea da parroquia de Nocedo, no concello de Quiroga, xunto a membros da Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo, mantiveron este mércores un encontro coa voceira socialista do Goberno provincial e responsable da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A reunión enmárcase dentro dos contactos habituais que o Executivo mantén con representantes do tecido asociativo e do movemento veciñal da provincia para coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas.

Os representantes veciñais de Parteme valoraron de xeito moi positivo a política de colaboración cos concellos que vén desenvolvendo a Deputación.

Entre as súas demandas, expuxeron a necesidade de habilitar unha solución para que as ambulancias poidan chegar ó núcleo da aldea de Parteme. Esta é unha reclamación que os veciños levan tempo plantexando ante o Concello, sen que ata o momento se teñan adoptado medidas para resolver un problema de mobilidade que afecta á calidade e á rapidez dos servizos sanitarios ós que teñen dereito os veciños.

Pilar García Porto escoitou a exposición dos veciños e comprometeuse a estudar a situación para ver as posibilidades de dar resposta a unha demanda dos veciños “que concorda coas grandes liñas de traballo que desenvolvemos en cooperación cos concellos, como son a aposta pola mobilidade e, dende logo, garantir que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan acceso a unha atención sanitaria de igual calidade”.

Xunto coa demanda concreta de melloras de acceso, os veciños de Parteme lamentaron a falta de resposta do Concello ante os escritos que lle presentaron para expoñer carencias en materia de infraestruturas, limpeza e iluminación. Piden fosas sépticas, desaugadoiros –que na actualidade saen ao medio dun camiño público-, rozas, arranxo de rúas, abastecementos de auga potable para as casas, actualización da iluminación pública ou limpeza de camiños públicos. Esta situación que, explicaron, os levou xa a dirixirse á Valedora do Pobo para reclamar que o Concello lles dea resposta á vintena de escritos que lle teñen dirixido e que, de momento, non foron atendidos polo consistorio.

Pilar García Porto, pola súa parte, sinalou que a Deputación “é a casa de todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, e imos ter sempre as nosas portas abertas para reunirnos con eles, escoitar e tentar dar resposta ás súas necesidades. Dende a lealdade institucional e o traballo cos concellos, especialmente cos do rural, que é a razón de ser da Deputación”.