Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor “o extraordinario apoio” á investigación que fai a AECC Lugo

AECC
O Deputado de Promoción Económica e Social asistiu á xornada que celebrou a Asociación Española contra o Cancro lucense para dar a coñecer as súas axudas ao labor investigador sobre esta doenza

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, asistiu este xoves ao acto celebrado pola AECC Lugo na sede de Afundación da capital lucense para presentar á cidadanía e ás institucións as axudas que aporta para a investigación do cancro.

Rivera Capón recoñeceu e agradeceu á Asociación Española contra o Cancro de Lugo “o extraordinario labor que o colectivo está a facer para a avanzar en investigación nesta doenza”, que afecta en España a 1 de cada 2 homes e a 1 de cada 3 mulleres. Destacou tamén o traballo que, ao longo do ano, realiza o colectivo en apoio a pacientes e familiares afectados, e lembrou que dende a Deputación “estamos a colaborar coa entidade cunha achega de 8.000€ para facilitar a atención psicosocial dos pacientes oncolóxicos da provincia”. 

No acto tamén estivo presente entre outras autoridades a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; a Presidenta da Asociación Española Contra en Lugo, María Luz Abella García; e Naiara Cambas, directora de Divulgación Científica da Fundación Científica da AECC; así como os profesionais Javier Alonso do servizo de Oncoloxía do HULA e María de la Fuente, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela IDIS, que expuxeron os proxectos de investigación aos que se destinarán estas axudas da AECC Lugo, entre os que se atopa a investigación de novos fármacos fronte a mestástase do cancro de pulmón.   
A xornada rematou cunha mesa redonda moderada polo presidente do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, Eduardo Iglesias, que contou ademais de co oncólogo e a investigadora responsables dos proxectos, co oncólogo e coordinador de investigación no Hospital Universitario Lucus Augusti, Ignacio Fernández.