Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Gandeirías da Mariña e o Occidente asturiano e unha vintena de postos de artesanía na Feira de San Rosendo, que conta co apoio de Medio Rural

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
FEIRA DE SAN ROSENDO
Barreiros
Mónica Freire
feira de gando
Xogos ecuestres, un certame morfolóxico e carreiras de cabalos de Pura Raza Galega complementan o mercado tradicional do domingo 5 de marzo, con actividades lúdicas na véspera

Gandeirías de Barreiros, Muras, Lourenzá, Valadouro e do Occidente asturiano participarán na Feira de San Rosendo, que se celebra esta fin de semana en San Miguel de Reinante, en Barreiros.

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros colaboran coa comisión organizadora desta feira tradicional que terá o seu día grande o domingo, co mercado gandeiro  e vinte postos de artesanía e produtos agrogandeiros na Praza de San Miguel.

A apertura do mercado iniciará unha xornada na que, ademais da entrega de 2000 euros en premios aos mellores exemplares e lotes, acollerá outras actividades paralelas ligadas ao mundo do cabalo, como un certame morfolóxico, organizado por Puraga, que puntúa para o campionato galego, e unha xincana de xogos ecuestres, que conta coa colaboración de Xinetes de Remourelle.

Como preludio á feira, o sábado, prepárase unha xornada lúdica, con sesión vermú, un aberto de billarda e  verbena.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida coincidiron en valorar  “a iniciativa e o esforzo desinteresado da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a gandeiría e as razas autóctonas” e en destacar “o papel que esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”.