Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

A Deputación apoia un ano máis o Estase Cocendo, que promociona a gastronomía da provincia

APEHL
estase cocendo
Ribeira Sacra
Monforte de Lemos
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación destas xornadas gastronómicas nas que, desde o sábado e ata o 26 de marzo, os establecementos hostaleiros da APEHL na Ribeira Sacra ofrecerán cocido

Rivera Capón sinalou que a institución provincial traballa na promoción do turismo combinado co patrimonio e a gastronomía, unhas fortalezas que “contan cunha gran capacidade para xerar riqueza económica e emprego sostible en todo o territorio”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na presentación das XV Xornadas do Cocido de Entroido da Ribeira Sacra Estase Cocendo no Centro do Viño Ribeira Sacra de Monforte de Lemos. A cita gastronómica, que organiza a Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo (APEHL) coa que colabora a institución provincial, se celebrará desde este sábado ao próximo 26 de marzo.

Os establecementos hostaleiros que pertencen a esta entidade dos 10 concellos do sur da provincia de Lugo participarán na nova edición de Estase Cocendo, ofrecendo tapas especiais e menús de cocido. O programa complétase con diferentes actividades e noites de festa en diferentes pubs e o sorteo dun lote de produtos de porco da Asociación Prodeme ao que optarán os consumidores. 

Na cita, acompañaron a Pablo Rivera o Presidente da APEHL, Cheché Real; a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; e a actriz e comadre desta edición, Benedicta Sánchez, entre outras autoridades.

“Dende a Deputación de Lugo sabemos da importancia de combinar o turismo, o patrimonio e a gastronomía”, sinalou Rivera Capón, que destacou que xuntas estas fortalezas da provincia “contan cunha gran capacidade para xerar riqueza económica e emprego sostible en todo o territorio, especialmente no rural”. Precisamente o Deputado enmarcou a colaboración da institución provincial coa APEHL na aposta “transversal” da Deputación pola promoción da hostalaría e do turismo nos 67 concellos.

Destacou Pablo Rivera que “levamos tempo traballando para atraer un turismo de calidade, non masificado, de proximidade e sostible. Un modelo de éxito polo que nós apostamos desde hai tempo co convencemento de que é o modelo axeitado para a nosa provincia, e que se disparou coa chegada da pandemia”. Un tipo de turismo que “demanda cada vez máis unha oferta gastronómica á altura”.

Nese sentido, o Deputado destacou que a hostalaría da provincia “encaixa á perfección con esa demanda” porque ademais de ofrecer “o mellor servizo, mima o produto, faino con calidade e coida a elaboración” e que se trata dun sector “que supón un acicate en si mesmo para atraer a novos visitantes”.

Puxo en valor a responsable provincial ao produto estrela destas xornadas, o cocido, “un prato estrela da nosa mesa, que representa tamén un estilo de vida” porque “fala de integración, de saber recibir e acoller a quen chega de fóra”.

Rivera Capón deulle os parabéns aos organizadores, “capaces de valerse dun embaixador perfecto da nosa gastronomía, para poñer en valor o mellor de nós, a nosa cultura, as nosas costumes e a nosa esencia”. E rematou a súa intervención convidando á xente a participar destas xornadas e destacando á comadre da edición, Benedicta Sánchez “unha representante moi acaída para esta iniciativa porque ela sempre consigue facernos reflexionar arredor da importancia das cousas sinxelas da vida”, explicando que aínda que comer é algo que facemos a diario “transfórmase nalgo especial e único cando nos paramos a valoralo, como facemos hoxe”.

Ademais dos restaurantes, bares e cafeterías dos concellos de Monforte, Chantada, Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel e Portomarín, súmanse tamén a esta iniciativa establecementos hoteleiros (casas rurais, hoteis e pensións), que ofrecerán descontos especiais nas estadías durante este mes.