Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación arranca os traballos para arranxar a estrada provincial de San Clodio ao límite con Ourense

Ribas de Sil
Imaxe deputación de lugo
Tal e como tiña previsto, a institución provincial iniciou hoxe os traballos, que acomete polo procedemento de emerxencia cun investimento de 86.600€. Consisten na construción dun muro para soster a plataforma da vía e evitar novos desprendementos á altura do quilómetro 2,350

A LU-P-5303 permanecerá cortada ao tráfico dende hoxe e durante un prazo estimado dun mes e medio no treito que vai dende o inicio da estrada ao punto quilométrico 3

A Deputación de Lugo arrancou este luns as obras necesarias para a reconstrución da estrada provincial LU-P-5303, de San Clodio ao límite provincial de Ourense por Torbeo, á altura de Ribas de Sil, unha vía que resultou parcialmente afundida por unha rotura do terraplén no punto quilométrico 2,350.

A institución acomete polo procedemento de emerxencia uns traballos aos que destina 86.600€ e que consisten na construción dun muro para soster a plataforma da estrada e evitar novos desprendementos.

Para acometer estas obras, a vía permanecerá cortada ao tráfico a partir de hoxe e durante un prazo estimado dun mes e medio no treito que vai dende o inicio da estrada ao punto quilométrico 3. Os cortes quedarán esta mañá debidamente sinalizados para que os usuarios e usuarias poidan tomar desvíos alternativos. 

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, considera “lamentable o oportunismo do Partido Popular intentando anotarse tantos ao reclamar as obras, cando, despois de todo o traballo feito pola Deputación, arrancan hoxe”, tal e como xa anunciou a institución o pasado venres.