Deputación de Lugo
Infraestruturas

As obras na estrada provincial de Chantada aos Peares obrigan a cortar o tráfico mañá e a vindeira semana

Chantada
A circulación permanecerá interrompida, con desvíos alternativos debidamente sinalizados, este venres ata as 19.00h, e entre o luns e o mércores, para continuar coa execución dos traballos, aos que a Deputación destina 675.000€. No caso do autobús escolar, deixarase pasar con paradas puntuais durante as obras

A execución das obras que a Deputación acomete na estrada provincial LU-P-1801, de Chantada aos Peares por Nogueira, entre o punto quilométrico 7,000 e 8,000, obrigan a cortar o tráfico mañá e a vindeira semana. Así, a circulación permanecerá interrompida, cos desvíos alternativos debidamente sinalizados, mañá venres ata as 19.00 horas, e entre o luns e o mércores, para continuar cos traballos, aos que a Deputación destina 675.000€. No caso do autobús escolar, deixarase pasar con paradas puntuais durante a execución das obras.

A actuación permitirá a rehabilitación por emerxencia desta vía nos termos municipais de Chantada e Carballedo, así como o arranxo da LU-P-1010, da Touza á Granxa pola Presa dos Peares, en Carballedo, no punto quilométrico 3,650.

No caso da LU-P-1801, a vía viuse afectada por desprendementos de terras, polo que se asegura a parede con micropilotes e instalarase un muro de suxeición. No caso da LU-P-1010, tamén afectada por un corremento de terras, retírase o material que obstrúe a vía e asegurarase cun muro.