Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde asinan un convenio de colaboración a través do que a Deputación aporta 2,5M€ para crear o polígono industrial da Fonsagrada

Cooperación cos Concellos
a fonsagrada
José Tomé Roca e Carlos López formalizaron este venres no consistorio fonsagradino o acordo polo que a institución provincial achega o 90% do investimento necesario para a urbanización desta infraestrutura, na que o Concello investirá outros 270.000€

O parque empresarial estará situado na rúa Burón, na parroquia do Padrón, na da estrada que conecta Lugo e A Fonsagrada, a LU-530, coa que vai deste municipio da Montaña a Navia de Suarna, a LU-P-1901

O proxecto contempla a preparación dun terreo de case 35.000m 2 , distribuído en 15 parcelas, máis de 250 prazas de aparcamento e zonas verdes, e contará cunha barreira vexetal na súa zona exterior fronte ao Camiño de Santiago, cumprindo o determinado por Patrimonio

Esta nova dotación para o municipio da Montaña contará coas conexións básicas de abastecemento, saneamento, instalación eléctrica e telecomunicacións e os traballos incluirán unha rotonda de acceso

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, asinaron este venres na Casa Consistorial deste municipio da Montaña un acordo entre ambas administracións a través do que a institución provincial aporta practicamente 2,5M€ para crear o polígono industrial. En concreto, a Deputación destina a esta nova dotación un total de 2.431.786,5€, o que supón o 90% do orzamento necesario para a súa construción, e o Concello achegará outros 270.198,5€.

O parque empresarial da Fonsagrada estará situado na rúa Burón, na parroquia do Padrón. En concreto, o polígono industrial construirase na confluencia da estrada que conecta Lugo e A Fonsagrada, a LU-530, coa provincial que vai deste municipio da Montaña a Navia de Suarna, a LU-P-1901, onde está prevista tamén a creación dunha glorieta que dea acceso a esta nova infraestrutura para a comarca da Montaña.


As obras de urbanización deste espazo consistirán na adecuación dun terreo de 34.421 m 2, que quedará distribuído nun total de 15 parcelas, máis de 250 prazas de aparcamento, e vías e beirarrúas dun ancho de 1,8 metros.


O proxecto inclúe a construción dunha vía principal, as de servizo e unha rotonda final para a dos vehículos; o acondicionamento das parcelas para uso industrial e zonas verdes; construción de zonas para o aparcamento e instalacións auxiliares; instalacións de abastecemento, rego e protección contra lumes; saneamento de augas residuais e pluviais; instalación eléctrica de baixa e media tensión e os centros de transformación e alumeado público; instalación de telecomunicacións incluíndo a conexión con rede telefónica; o desvío da instalación de abastecemento xeral; e a conexión da instalación de saneamento de augas residuais coa EDAR e das augas pluviais co punto de vertido. Ademais, acondicionaranse as parcelas exteriores para a creación dunha barreira vexetal fronte ao Camiño de Santiago, cumprindo o determinado por Patrimonio, mediante árbores e arbustos de especies autóctonas.