Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo adxudica por 450.000€ as obras coas que creará 165 prazas de aparcamento gratuítas no Fogar de Santa María

APARCADOIRO
FOGAR SANTA MARÍA
Incluíndo este investimento, a Xunta de Goberno aprobou este venres acordos cos que a institución provincial mobiliza un total de 1,8M€ para a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas da veciñanza da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres mobilizar investimentos por un importe de máis de 1,8M€ para continuar mellorando as estradas provinciais e para seguir dotando de servizos públicos e infraestruturas á veciñanza da provincia. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou os acordos adoptados na reunión celebrada esta semana na posterior rolda de prensa.

O asunto máis destacado foi a adxudicación por 450.000€ das obras de reforma e mellora do entorno do Fogar de Santa María, de titularidade provincial, coas que a Deputación creará 165 prazas de aparcamento que poñerá a disposición da cidadanía de maneira gratuíta fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Sanle SL e teñen un prazo de execución de tres meses, un mes menos que o contemplado nos pregos de licitación.

A voceira do Goberno sinalou que, “tal e como xa avanzou no seu momento o Presidente, unha vez resolta a adxudicación, os traballos comezarán a executarse nesta primavera, polo que á volta do verán o espazo remodelado estará a disposición da cidadanía”.

Pilar García Porto destacou que con estas obras a Deputación cuadriplicará o número de prazas de estacionamento para uso público neste espazo, “pasando das 40 que existen actualmente a 165”.

Os traballos afectarán á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 do complexo de Santa María, e consistirán na demolición do pavimento actual, na preparación dunha nova plataforma e na nivelación da zona próxima á fachada que alberga o servizo de Vías e Obras. Tamén está prevista a execución dunha rede de pluviais coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Dotarase á zona de alumeado, procederase ao seu afirmado e pavimentación, e humanizarase o espazo co axardinado. Tamén se acondicionará o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e, finalmente, dotarase de sinalización.

Mellora de estradas provinciais no Saviñao e en Xermade
Por outra banda, a voceira socialista do Goberno informou da adxudicación na Xunta de Goberno de hoxe de obras de acondicionamento en tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos do Saviñao e Xermade. 

No caso do Saviñao, “demos luz verde a traballos na estrada LU-P-5802, de Porto a Córneas polo Casar, nun treito de 3,3 quilómetros, e na LU-P-5805, de Segán a San Vitorio, nun tramo dun quilómetro”, explicou García Porto. Será a empresa Hordescón SL a encargada de realizar estas actuacións cun investimento de preto de 200.000€ e un prazo de execución de 2 meses. As obras consistirán na limpeza de laterais, drenaxe, pavimentación e sinalización horizontal.

No caso de Xermade, aprobouse a adxudicación á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU dun proxecto por un importe de 130.000€ para rehabilitar o firme da estrada LU-P-2201, entre Candamín e Pedrón. Os traballos, que afectarán ao treito que vai do quilométrico 3,615 ó 5,428, implicarán a limpeza de laterais e obras de drenaxe, a pavimentación e a sinalización horizontal.
 
Colaboración cos concellos
A Xunta de Goberno aprobou este venres unha colaboración co Concello da Pastoriza por  preto de 340.000€ para a mellora de servizos no núcleo urbano do municipio. “Entre as actuacións que financiamos, está a instalación de alumeado co tendido dunha nova tubaxe de reserva para a instalación de luminarias, a reposición da canalización de abastecemento nos tramos que presenta problemas e a colocación dunha rede separativa de augas residuais”, describiu a Deputada. 

Así mesmo, a Deputación achegará 115.000€ ó Concello pastoricense para a adecuación de camiños de acceso a espazos públicos e vivendas nos núcleos de Cadavedo, Bretoña, Fontao e Corbelle.

A Xunta de Goberno acordou un investimento da Deputación no concello de Pol por 310.000€ para a mellora de accesos nos núcleos rurais de Arcos, As Lamelas, Vilavella e Cima de Vila; para a dotación de aseos, dunha taquilla na grada, a instalación de varandas de protección, luminarias e beirarrúas no campo de fútbol de Mosteiro; e para a adquisición de equipamento destinado ó coidado de xardíns, en concreto, un tractor, unha sementadora e unha corta céspede. 

A aportación da Deputación de Lugo representa o 80% do orzamento necesario para acometer estas actuacións, en tanto que o Concello de Pol achega 75.000€. 

A Deputación de Lugo colaborará co Concello de Navia de Suarna cun financiamento de 115.000€ para a mellora de camiños nos núcleos das Covas, Piñeiro e Mera, e dos accesos a Silvouta e Vallo, e para a ampliación do abastecemento de auga na parroquia de Vilela. 

A Xunta de Goberno aprobou un investimento de 150.000€ no concello de Ribadeo para este 2023 e o 2024, destinado ao arranxo do Forte de San Damián.