Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo renova a ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca

Río Rato
As actuacións, xa iniciadas, consisten na limpeza dos bancos e doutros elementos do percorrido, substitución das papeleiras danadas por outras novas, reparación dos paneis informativos, instalación de fitos quilométricos e pintado de pasos de peóns

Os traballos súmanse as diferentes accións que acometeu a institución provincial para poñer en valor este espazo público tan importante para a veciñanza, como a mellora da estrada provincial, a creación dun carril bici, a dotación de alumeado público e a posta en servizo de 150 hortos urbanos

A Deputación de Lugo traballa na posta a punto da ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca, nun tramo total de 4,5 quilómetros, que comprende ata a rotonda do Sagrado Corazón. Os traballos, xa iniciados, consisten no acondicionamento e na sinalización deste espazo verde e de lecer.

Esta actuación inclúe diferentes traballos destinados á conservación dos diferentes elementos presentes da ruta, como a limpeza dos bancos e a posterior aplicación dun produto protector da madeira; a substitución das papeleiras danadas por outras novas de madeira tratada; ou a limpeza e reparación dos paneis informativos. Está prevista tamén a instalación de fitos quilométricos cada 500 metros na marxe dos camiños. Uns elementos que serán tamén de madeira tratada, serigrafiada e dunhas dimensións de 20 por 10 centímetros e un metro de altura. Actuarase finalmente na sinalización horizontal dos pasos de peóns, nos cruzamentos do itinerario peonil co carril bici, con marcas reflexivas brancas.

Agrotecnia é a empresa encargada dos traballos, que contan cun orzamento de preto de 17.000€ e cun prazo de execución de un mes.

Esta iniciativa súmase ás diferentes accións que a institución provincial levou a cabo para a posta en valor de este espazo público, de lecer e deportivo tan importante para a veciñanza de Lugo e situado en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño. En concreto, a Deputación investiu este ano 150.000€ na mellora da estrada provincial do Rato, a LU-P-2925, no tramo que vai desde o inicio ata o punto quilométrico 3,079, que se suman aos 500.000€ para a creación de 2,5 quilómetros de carril bici.

Ademais, coa colaboración do Concello, a Deputación dotou tamén ao paseo e á estrada dun sistema de iluminación grazas a un investimento conxunto de 750.000€. Unha actuación que consistiu na instalación de 283 puntos LED entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón.

Hortos urbanos

A Deputación de Lugo conta tamén con 150 hortos urbanos no entorno do Paseo do Rato, cun total de 134 usuarios activos. Un proxecto que continúa a ter moi boa acollida logo de que a institución provincial o puxera en marcha o pasado mandato co obxectivo de poñer a disposición da cidadanía, de xeito totalmente gratuíto, un espazo público para favorecer o lecer medioambiental, a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables.