Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

Preto de 70 veciños e veciñas da provincia participan na penúltima semana do Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
turismo
Emprego
economia
Tres colectivos do municipio de Lugo viaxan entre hoxe e mañá á Ribeira Sacra para coñecer o seu patrimonio cultural e natural

A vindeira semana rematará a presente tempada de itinerarios gratuítos para entidades asociativas organizados pola Deputación, grazas aos que máis de 1.100 persoas percorreron a provincia dende setembro

Preto de 70 persoas de tres entidades do concello de Lugo participan entre hoxe e mañá na que é a penúltima semana da presente tempada do programa Coñece a túa provincia da Deputación. Viaxarán, neste caso, pola Ribeira Sacra grazas a esta iniciativa de rutas gratuítas que puxo en marcha a institución provincial para entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o coñecemento da provincia e favorecer tamén o turismo de proximidade.

A Asociación Cultural de Veciños e Comerciantes do Barrio de San Antonio de Padua visitou o Centro de Interpretación Terras do Miño e percorreu o concello de Monforte de Lemos. Neste caso, os usuarios coñeceron o conxunto histórico de San Vicente do Pino e a Torre da Homenaxe. A visita completouse cun percorrido polo Colexio do Cardeal e o Centro do Viño da Ribeira Sacra. 

Mañá será a quenda da Asociación de Veciños de Benade-Calbrava, que comezarán a visita no Centro de Interpretación Terras do Miño e, posteriormente, farán paradas en Taboada e Chantada, con visitas á igrexa de San Pedro de Bembibre e Taboada dos Freires, o centro histórico chantadino, os templos de Nogueira de Miño ou San Salvador de Asma e unha última parada nunha adega da Ribeira Sacra.

Por último, o colectivo UXT Lugo-Lemos-Costa tamén viaxará este venres a Pantón e Carballedo, cunha visita previa ao Mazo de Santa Comba. Neste caso, achegaranse a unha bodega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, visitarán o pobo dos Peares e o Convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón. A última parada será na igrexa de San Miguel de Eiré.

Durante a tempada de outono, dende que comezou en setembro ata este mes  de novembro, son máis de 1.150 persoas de 52 entidades da provincia as que percorreron Lugo con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. A vindeira semana finalizarán as viaxes con tres entidades de Lugo e O Páramo.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.