Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación expón o potencial xacobeo da provincia na feira de turismo Fairway

turismo
FAIRWAY
Francisco Cajoto defendeu o Camiño como “activo fundamental para Lugo porque ten máis de 800 quilómetros de rutas, oficiais -Norte, Primitivo, Francés e de Inverno- e aínda non oficializadas -Camiño do Mar, vía Rexia e vía Künig-, cuxo recoñecemento reivindica a institución como ferramenta para seguir impulsando o turismo

A Deputación participa cun expositor nesta cita adicada ao Camiño de Santiago que se celebra no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, presentou este venres en Fairway o valor e o potencial que ten a provincia de Lugo nas rutas xacobeas. A Deputación de Lugo participou nesta cita que se celebra esta semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, e na que conta cun expositor informativo.

Cajoto expuxo que o Camiño de Santiago “é un activo fundamental, porque contamos na provincia con máis de 800 quilómetros de rutas, oficiais e aínda non oficializadas, e porque ademais é a gran porta de entrada dos peregrinos e peregrinas a Galicia”. A provincia de Lugo conta con tres itinerarios xacobeos oficiais declarados Patrimonio Mundial da Humanidade -o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés-, e o Camiño de Inverno.

“Tamén traballamos para que se recoñeza o Camiño do Mar, a vía Rexia e a vía Künig, desta última, os visitantes poden informarse no expositor da institución provincial lucense, xa que se lle cede o espazo para dala a coñecer”, explicou o Deputado. Ademais, asegurou que oficializar estas tres vía será unha ferramenta de dinamización do turismo nacional e internacional e da actividade social e económica da provincial.

O Deputado subliñou a relevancia de ter presenza en citas como Fairway, pois  “favorecen a visibilidade do sector e céntranse nun modelo que promovemos e practicamos dende a Deputación, como é a economía circular”. A institución provincial defende un sistema que permite o desenvolvemento do territorio sostible e que aproveita os recursos para favorecer a actividade económica e fixar poboación.

O representante provincial rematou animando aos asistentes a visitar a provincia, “onde se pode alternar entre paisaxes de costa e de montaña, con opcións para todos os momentos do ano e para todos os públicos, e cunha gastronomía dunha gran calidade”. 

Fairway