Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación impulsa unhas xornadas para fomentar a produción e venda dos produtos alimentarios artesáns

Reservas da Biosfera
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou en Friol na programación, que organiza a Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos grazas á axuda económica que lle concedeu a institución para proxectos nas reservas Terras do Miño e Os Ancares que favorezan o desenvolvemento do rural

As xornadas Artesanía Alimentaria: Marca a Diferenza poñen en valor os derivados cárnicos, as IXP Terras do Navia, Pan Galego e Capón de Vilalba e as DOP Queixo do Cebreiro e San Simón da Costa con encontros en Navia de Suarna, no concello friolés na capital chairega

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na demostración culinaria sobre produtos cárnicos e da IXP Pan Galego que se celebrou este martes en Friol no marco das xornadas divulgativas Artesanía Alimentaria: Marca a Diferenza, que, financiadas pola Deputación, buscan difundir, poñer en valor e promover a produción e comercialización dos produtos artesáns que ofrecen as reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, potenciando a súa calidade como factor diferencial.

Trátase dunha actividade que organiza a Asociación Galega de Operadoras Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP) grazas á axuda económica que recibiu da Deputación de Lugo a través da liña de subvencións de concorrencia competitiva convocada pola institución provincial neste ano 2023 para apoiar proxectos de entidades que traballen no ámbito das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses en favor do desenvolvemento social e económico sostible destes territorios.

As xornadas sobre artesanía alimentaria inclúen tres citas: unha, xa celebrada, en Navia de Suarna sobre derivados cárnicos, a IXP Terras do Navia e a DOP Queixo do Cebreiro; a de hoxe en Friol, centrada nos derivados cárnicos e a IXP Pan Galego; e outra, prevista para o vindeiro 14 de novembro na capital chairega, sobre a DOP San Simón da Costa e a IXP Capón de Vilalba.

A programación de hoxe en Friol arrancou pola mañá no Centro Público Integrado Doutor López Suárez e continuou con actividades centradas nos selos de calidade e a sustentabilidade deste negocio. O programa rematou cun showcooking celebrado nas instalacións de Traloagro S.L.

Grazas á liña de axudas da Deputación para entidades que traballan nas reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, un total de 37 asociacións poden desenvolver neste ano 2023 proxectos vinculados co medio ambiente e co rural que poñen en valor o seu patrimonio, cultural e paisaxístico, contribuíndo desta forma a aproveitar os recursos propios como factor de dinamización social e de desenvolvemento económico.