Deputación de Lugo
Economía
Medio ambiente
Turismo

A Deputación reivindica o seu modelo sostible nunha xornada sobre o desenvolvemento turístico do Courel

Xornadas
turismo
Xeoparque
Courel
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, subliñou o atractivo e amplo patrimonio natural da provincia, e puxo en valor a aposta da institución polo “turismo de calidade, non masificado, de experiencias, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio”

Lembrou que a Deputación “foi a principal administración galega que traballou xunto cos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, para conseguir a declaración do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, o primeiro recoñecido en Galicia”

O foro, que organiza unha agrupación de empresas relacionadas co Xeoparque, ten lugar durante toda a mañá deste mércores en Folgoso e ten como obxectivo debater e aportar solucións desde o punto de vista da colaboración público-privada

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este mércores nunha xornada sobre a promoción e desenvolvemento turístico do Courel. No foro, que organiza unha agrupación de empresas relacionadas co Xeoparque –Noa Innova, Casa de Outeiro, URBA, Coureleando e Sabor Rural- e que se desenvolveu pola mañá no salón de actos do Concello de Folgoso, Carlos López reivindicou o modelo de turismo sostible no que a Deputación de Lugo leva anos traballando.

Un modelo de “turismo de calidade, sostible, non masificado, de experiencias, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”, subliñou o Deputado, que lembrou que a institución provincial apostou por esta estratexia antes da pandemia e que “logo de superala, se revela como o máis acaído de cara ao futuro”.
 
O Deputado reflexionou sobre o camiño que debe tomar O Courel en termos de promoción e desenvolvemento turístico na primeira mesa do encontro, que versou sobre as Administracións Públicas e o seu compromiso co futuro turístico do Courel, e onde compartiu espazo de debate coa Alcaldesa de Folgoso, Lola Castro; o Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; o Tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; e a Xefa Territorial de Turismo da Xunta, Paloma Vázquez.

“O turismo é un dos eixos fundamentais do noso compromiso co desenvolvemento rural”, destacou Carlos López, que puxo o acento en que a “receita” da institución provincial para o futuro do rural pasa por “mellorar e acercar os servizos públicos á xente, e apoiar aos sectores produtivos para xerar emprego e riqueza”. E neses termos, apuntou, “o turismo constitúe un sector de grande potencial para o noso rural”. 

Insistiu o Deputado na necesidade de promover un turismo non masificado e desestacionalizado: “Queremos ter no rural un número de visitantes asumible, ao longo de todo o ano, evitando o modelo de masificación que dominaba o sector nos anos sesenta”. Para lograr este obxectivo, engadiu, “temos que seguir deseñando unha oferta turística con capacidade de atraer a públicos moi diversos”. “Sen renunciar á presenza de Lugo nas grandes rutas de turismo, como o que se xera arredor do Camiño de Santiago, detemos apostar polo turismo de proximidade”, afirmou.

A necesidade de aproveitar o patrimonio natural

Explicou o Deputado de Medio Ambiente que este modelo polo que aposta a Deputación “supón mobilizar dun xeito intelixente todos os recursos cos que conta a nosa provincia, que son moitos. Con máis dun 80% do territorio recoñecido como Reserva da Biosfera, o medio ambiente actúa como un importante atractivo para o turismo”.

“Un turismo non masificado ten que xerar aprecio polo medio ambiente, e xerar recursos que permitan aos pequenos concellos coidar a biodiversidade, as paisaxes e o seu patrimonio. Trátase de aplicar as directrices Home e Biosfera que defende a UNESCO: que as persoas coidemos o medio ambiente, para que este se converta nun factor de desenvolvemento das comunidades humanas”, valorou.

Lembrou que a Deputación “foi a principal administración galega que traballou xunto cos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, para conseguir a declaración do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, o primeiro recoñecido en Galicia, no ano 2019”. E puxo en valor que a institución provincial foi quen de manter esa colaboración “a través de axudas económicas para poñer en valor e difundir o enorme valor deste territorio”.

Enumerou Carlos López os 23 miradoiros, 5 museos e centros de interpretación, e 189 quilómetros de sendeiros para descubrir a natureza cos que conta o Xeoparque Montañas do Courel. “Un exemplo en Galicia e fóra dela, de como traballar para poñer en valor o patrimonio natural xerando coñecemento, e creando unha oferta turística centrada no contacto coa natureza, xustamente o modelo que defendemos en toda a provincia, coa correspondente adaptación a cada entorno concreto”.

A colaboración como ferramenta imprescindible

Na opinión do Deputado, “o turismo do século XXI require modelos de xestión baseados na colaboración. Colaboración entre administracións, e cos representantes do comercio e da hostalaría; tamén escoitar e dar espazo ás asociacións veciñais, culturais ou ecoloxistas; e por suposto, incorporar a investigación de primeiro nivel que desenvolve na nosa provincia a Universidade pública”.
Nese sentido e “baixo esa convicción”, Carlos López sinalou que a Deputación seguirá colaborando cos concellos “no Courel e en toda a provincia, para impulsar o turismo como un motor de desenvolvemento do rural”. Tamén afirmou que a institución provincial estará sempre aberta a participar neste tipo de iniciativas, “na que a posta en común de ideas e de traballo convértese nun espazo de reflexión do que, de seguro, xurdirán proxectos novos”.

O programa

O programa da Xornada de Promoción e Desenvolvemento Turístico do Courel contou ademais cunha segunda mesa sobre As axencias de turismo como promotoras do turismo de experiencias no Courel, con representantes de Pambretours, Axencias de viaxes e da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza (AGETAN). Logo dunha pausa a media mañá, ás 12.15 horas comezaba a presentación dun proxecto para debater as ideas sobre unha marca unificada para o Courel, da axencia de comunicación Nomenklaturas e a continuación unha terceira mesa de debate: Os medios de comunicación na promoción turística do Courel. O programa concluíu ás 13.30h cunha cuarta mesa sobre os Actores locais protagonistas da atracción turística do Courel, coa participación de representantes da hostalaría, unha adega, unha empresa de rutas e tamén membros da Fundación Uxío Novoneyra.