Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación cede a Tráfico unha parte da explanada do Pazo dos Deportes para a realización dos exames de conducir

Xefatura provincial de Tráfico
Esta cesión recupérase para facilitar a realización das probas relativas á obtención do permiso de circulación, e formalizouse esta mañá coa firma entre o Presidente da institución provincial e o Xefe provincial de Tráfico de Lugo en San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Xefe provincial de Tráfico de Lugo, Ángel Álvarez, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos a cesión temporal e gratuíta dunha parte da explanada do Pazo de Deportes de Lugo para a realización dos exames de conducir. Un acordo que permitirá a Tráfico iniciar e finalizar as probas en vías abertas á circulación de luns a venres de 7:30 a 16:00 horas.

Tomé Roca celebrou este acordo que “se volve asinar despois de anos” e explicou que unha parte da explanada que se cede a Tráfico está situada na parte inferior e outra na superior. No acto, ao que asistiu tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou o Presidente a colaboración entre ambas institucións e a súa importancia para beneficiar aos veciños e veciñas da provincia de Lugo, xa que “o traballo conxunto permite ter unha provincia máis aberta e accesible en todos os ámbitos”.

A aplicación deste acordo comeza este mesmo venres e ten unha duración de 5 anos, aínda que será posible ampliar este período anualmente, e de xeito automático, salvo desacordo dunha das partes.