A Deputación de Lugo renova as pasarelas peonís da estrada de Ombreiro
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2023-11/151123%20Obras%20pasarelas%20Paseo%20R%C3%ADo%20Mi%C3%B1o.jpg)
A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos de renovación das pasarelas peonís da estrada de Ombreiro, en Lugo. Unhas obras que realiza a empresa pública Tragsa, medio propio da institución provincial, e que teñen un prazo de execución de 2 meses.
En concreto, a actuación consiste na retirada do antigo pavimento, a reposición dos elementos de suxeición da estrutura e as táboas das pasarelas en dous tramos dun total de 150 metros, para a que se usará madeira de pino tratada. O investimento nestes traballos ascende a 18.000€.
Esta infraestrutura dá servizo ao paseo do río Miño, unha ruta periurbana que descorre á marxe esquerda do río ao seu paso por Lugo e que vai tamén paralela á estrada de Ombreiro. Trátase dunha ruta moi transitada pola veciñanza e a actuación servirá para mellorar a seguridade nesta zona, moi empregada por ciclistas, afeccionados ao atletismo e persoas que se achegan a pasear.
Unha actuación que forma parte das diferentes accións que a institución provincial está a levar a cabo para posta en valor dos espazos públicos, de lecer e deportivos situados na Reserva da Biosfera Terras do Miño que xestiona a propia Deputación. Ademais, con esta acción, o Goberno provincial vai tamén da man do Concello de Lugo e coa súa estratexia de conectar o río coa vida da cidade.