Deputación de Lugo

A Deputación garda un minuto de silencio en Lugo en memoria das vítimas de tráfico

DIA MUNDIAL
ACCIDENTES DE TRÁFICO
Os Deputados de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, e de Participación Cidadá participaron este luns diante da Xefatura Provincial de Tráfico na concentración e na lectura do manifesto polo Día Mundial en memoria das persoas falecidas en sinistros en estradas

A Deputación de Lugo sumouse este luns aos actos celebrados en Lugo diante da  Xefatura Provincial de Tráfico con motivo da conmemoración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico. Os Deputados de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e de Participación Cidadá, Iván Castro, participaron xunto á Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e outras autoridades, na lectura do manifesto e no minuto de silencio que se gardou para lembrar aos falecidos en sinistros en estradas, que neste ano acabaron coa vida de 18 persoas,  segundo datos da DXT. 

Ao acto acudiron representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local de Lugo, así como persoal da Dirección Xeral de Tráfico e de asociacións e colectivos sociais.

O Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico celébrase o terceiro domingo de novembro e foi proclamada en 1995 polas organizacións europeas de vítimas. Convertida en conmemoración mundial en 2005 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, lembra aos milleiros de persoas que morreron e resultaron gravemente feridos nas estradas e recoñece o sufrimento de todas as vítimas, familias e comunidades afectadas. Este 20 de novembro celébrase baixo o lema Lembra, apoia, actúa.