Deputación de Lugo

A Deputación aproba os equipamentos e servizos tecnolóxicos que proporcionará gratuitamente aos 52 concellos que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC

IMPULSA TIC
Tecnoloxía
Cooperación cos Concellos
A Xunta de Goberno deu luz verde ao material e á súa distribución, atendendo ás necesidades que trasladaron as propias entidades locais e con criterios obxectivos

A institución provincial conta cun investimento de 4,5M€ para colaborar cos concellos na transformación dixital e que presten así un mellor servizos á veciñanza grazas aos fondos que conseguiu da Unión Europea

Acordada a declaración de emerxencia das obras necesarias para arranxar en Ribas de Sil os danos que provocaron as intensas choivas de principios deste mes na LU-P-5303, presupostadas en 85.000€

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que esta iniciativa é posible grazas aos 4,5M€ de fondos europeos que conseguiu a institución a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, “para colaborar coas entidades locais na transformación dixital e mellorar así o servizo que prestan aos seus veciños e veciñas”.

“O tipo de equipamentos e servizos que aprobamos entregar aos concellos beneficiarios atende á realidade e ás necesidades que as propias administracións locais nos trasladaron, respectando así a autonomía municipal, e seguindo criterios obxectivos para a súa distribución, dun xeito semellante  ao que facemos co Plan Único”, explicou o Deputado, quen detallou os diferentes usos do soporte que fará chegar a institución provincial.

En concreto, haberá material destinado á mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital a través da interoperabilidade entre sistemas, para favorecer así as sinerxías e a colaboración entre entidades; tamén á creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais; e finalmente, á apertura, a transparencia e a accesibilidade dos propios concellos a través de diferentes ferramentas dixitais, a implantación dun chat de asistencia para axudar ao cidadán ou a implantación dun módulo de transparencia.

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os equipamentos e servizos, o seguinte paso será licitar os contratos para adquirilos e logo distribuílos.
Arranxo da estrada afundida en Ribas de Sil polas choivas

Arranxo da estrada afundida en Ribas de Sil polas choivas

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas de principios deste mes na estrada LU-P-5303, á altura do concello de Ribas de Sil, en concreto, no punto quilométrico 5,200, que sufriu un afundimento. Será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Excavaciones Goni SL, a que se encargará dos traballos cun orzamento estimado de 85.000€.

Mellorar a mobilidade é tamén o obxectivo do acordo de colaboración aprobado hoxe na Xunta de Goberno, a través do que a Deputación achegará  preto de 120.000€ ao Concello de Láncara para a mellora de vías municipais na parroquia de río. Concretamente, nos lugares de Río, San Martiño e Tourelle.

Parque Móbil e a Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno acordou licitar un contrato para o subministro de material destinado ao Parque Móbil e á Granxa Gayoso Castro da Deputación por un importe conxunto de 100.000€. En concreto, trátase de pezas e repostos, aceites, graxas e aditivos para os vehículos que utilizan ambos servizos; ferramenta e materiais de desgaste do Parque Móbil; e material de limpeza para vehículos e maquinaria. A vixencia do contrato é dun ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.

Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Na reunión de hoxe, o Goberno provincial aprobou o último trámite administrativo que resta para pagar a 7 asociacións de 5 concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 40.000€, como beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación. As axudas serviron para acometer diferentes actuacións, como acondicionamento de camiños, pistas agroforestais e accesos a fontes; e mellora de depósitos de auga, captacións, abastecementos ou locais sociais.

Equipos de protección e roupa de traballo

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da subministración de Equipos de Protección Individual (EPIs) e roupa de traballo para o persoal da Deputación. A adxudicataria do subministro dos EPIs é a empresa Rafitextil DTT 3.8 SL por un importe de 161.021€; e Construdeco Norte SL resultou adxudicataria do subministro de roupa de traballo por un importe de 49.718€. A duración do contrato en ambos casos é de un ano, prorrogable por outro.