Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación destina 200.000€ ao Concello de Taboada para a compra dun novo camión de residuos

Taboada
O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde, Roi Rigueira, un convenio de colaboración que permitirá á entidade local renovar e reforzar a maquinaria do servizo de recollida, que atende ás 27 parroquias do municipio

O mandatario provincial subliñou o “importante esforzo da Deputación para cooperar cos concellos con medidas coma esta, e que poidan prestar así máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”

O rexedor valorou este acordo porque lle permite ao Concello comezar a contar con novos equipamentos municipais, pois ten vehículos obsoletos que “lastran o avance do noso municipio xa que teñen avarías que son moi custosas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, un convenio de colaboración a través do que a Deputación destina ao Concello 200.000€ para a adquisición dun camión recolector compactador de residuos sólidos urbanos co que se prestará un mellor servizo á veciñanza das 27 parroquias do municipio. 

“A Deputación fai un esforzo moi importante para cooperar cos concellos da provincia con medidas coma esta, e que poidan prestar así máis e mellores servizos ós seus veciños. Esta colaboración co Concello de Taboada, para unha prestación tan esencial como a recollida de residuos, é unha boa mostra dese apoio constante. De feito, a día de hoxe, esta institución é fundamental para que moitas entidades locais poidan prestar os servizos máis básicos á súa veciñanza”.

O Alcalde agradeceu ao Presidente a colaboración económica da Deputación porque co novo camión servirá para renovar e reforzar a maquinaria do servizo de recollida municipal, que conta cun equipamento antigo e obsoleto que presenta continuas avarías moi custosas. “Ademais, cando tiñamos o camión no taller tiñamos que alugar outro, o que encarecía máis o custo para o Concello deste servizo básico que temos que prestar á nosa veciñanza”, explicou Rigueira. Nese sentido, avanzou, “cumprimos cun dos nosos compromisos electorais, pois un dos piares que van marcar o noso goberno será a renovación do parque móbil municipal, e aquí está o primeiro paso”. 

O rexedor detallou ademais que o Concello de Taboada está destinando neste momento moitos fondos “a reparar maquinaria e vehículos con moitos anos, o que lastra que o Concello poida apostar por outro tipo de iniciativas. Por iso, dende o meu Goberno apostamos por unha renovación e adquisición de novos bens, coma este camión, para despois poder darlle aos veciños e veciñas de Taboada máis e mellores servizos. Queremos deixar de malgastar diñeiro en reparacións, como facía a anterior Corporación”.