Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación repón nunha semana o mobiliario danado por actos vandálicos no Parque do Rato

paseo do Rato
Lugo
A institución provincial tivo que substituír papeleiras, bancos, unha varanda e un cartel neste espazo público, logo de que o 19 de novembro foran arrancados e botados ao río

Recentemente, a Deputación fixo unha posta a punto da contorna a través da limpeza, substitución e arranxo das diferentes pezas do paseo

A Deputación de Lugo vén de repoñer o mobiliario danado no Parque do Rato, logo de que o pasado 19 de novembro recibise aviso de que diferentes pezas deste espazo público, deportivo e de lecer foran arrancadas e tiradas ao río. Tras poñer en marcha os labores de comprobación, inventariado e reposición dos elementos necesarios, a institución provincial restituíu, nunha semana, o bo estado da contorna.
    
Concretamente, tivo que substituír unha papeleira que fora arrancada e tirada ao río e a ancoraxe doutra; dous bancos que tamén foron descravados e botados á auga; e a varanda dunha ponte que quedou parcialmente somerxida na corrente; ademais dun cartel que quedou vencido sobre a terra. Uns traballos nos que a Deputación tivo que investir en torno a 2.000€.

Recentemente, a institución provincial fixo unha posta a punto da contorna do Río Rato e do Paseo da Chanca, a través da limpeza dos bancos e doutros elementos do percorrido, a substitución das papeleiras danadas por outras novas, a reparación dos paneis informativos, a instalación de fitos quilométricos e o pintado de pasos de peóns. Unhas actuacións que contaron cun investimento da Deputación de 17.000€.

Tamén acometeu melloras na estrada do Rato -a LU-P-2925- cun investimento de 150.000€; investiu 500.000€ na creación do carril bici e dotou de alumeado público á zona con 750.000€. Así mesmo, ten a disposición da cidadanía 150 hortos urbanos neste espazo para fomentar a agricultura ecolóxica e o lecer saudable.