O Presidente da Deputación de Lugo entrega o Premio Otero Pedrayo a Darío Villanueva
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2023-11/WhatsApp%20Image%202023-11-29%20at%2021.44.59%20%285%29.jpeg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregoulle este mércores o Premio Otero Pedrayo a Darío Villanueva nun acto que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, ao que tamén asistiron a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro, a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López.
José Tomé felicitou ao premiado recoñecendo a súa traxectoria e valía como profesor, filólogo, escritor, experto en cine e poesía, “agudo articulista e autor de interesantes reflexións sobre as cidades”. “Dicir que Darío Villanueva é un dos grandes intelectuais galegos do noso tempo é pouco máis que unha obviedade, e apenas lle fai xustiza á súa biografía”, asegurou o Presidente, quen engadiu que, “sobre todo, é unha persoa volcada no estudo, na comprensión e no coidado do logos”.
O mandatario provincial lembrou que o Otero Pedrayo “é un premio itinerante, un peregrino que viaxa sen descanso entre as catro deputacións. Un símbolo do compromiso das administracións locais coa cultura, e unha boa demostración de que a cultura nace de abaixo arriba, por todos os recunchos do noso territorio”.
A Deputación de Lugo fora por última vez escenario da entrega deste galardón no ano 2019, cando recibiron Ramón Villares e Paco Martín esta distinción. Este premio ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer a contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da cidadanía e das institucións.