A Deputación impulsa a campaña Merca na Rúa en apoio ao comercio de proximidade na capital
Pablo Rivera destacou que esta campaña centrada na capital coa que se sorteará un premio de 3.000 euros “mobilizará a actividade comercial nestas datas de maior consumo nos locais que temos ao noso pé, e tal e como vai indo a campaña será de novo un éxito que repercutirá moi positivamente no retorno económico dos establecementos participantes”.
José María Seijas destacou a implicación e sensibilidade da Deputación e do Concello co comercio local, e amosou a súa satisfacción pola boa acollida e impulso que está a ter a campaña desde o seu inicio, tanto por parte dos negocios como dos consumidores
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este venres no Pazo de San Marcos xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, a campaña Merca na Rúa para apoiar e incentivar as compras do comercio local na capital de Lugo durante esta época de Nadal. A iniciativa forma parte da campaña que impulsa a Deputación e a Federación Galega de Comercio en toda a provincia, á que a institución provincial achega 50.000€ e que está a ter uns grandes resultados.
Na presentación, Pablo Rivera destacou a implicación do comercio da capital con esta nova acción que arranca hoxe con 100 establecementos participantes, e que sorteará un premio de 3.000 euros. “Isto demostra que a colaboración que mantemos co pequeno comercio está a dar os seus froitos, contribuíndo a impulsar o consumo dun sector fundamental para a nosa economía, nunhas datas como son as do Nadal nas que o comercio acada en torno ao 40% de facturación das vendas de todo o ano”, sinalou.
O Deputado agradeceu a colaboración do Concello por sumarse a esta acción “que mobilizará a actividade comercial na cidade nos locais que temos ao noso pé, e que tal e como vai indo a campaña será de novo un gran éxito que repercutirá dun xeito moi importante no retorno económico dos establecementos participantes”.
Pola súa parte, o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, amosou a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter a campaña por parte dos negocios e os bos resultados desde o seu inicio. No caso da capital, “o atractivo do premio espertou o interese dos establecementos de Lugo, xa que temos ao redor de 100 comercios participantes nesta campaña que xa se poden visitar e que están identificados a través dunha vistosa bandeirola”, apuntou Seijas.
Así mesmo, destacou á implicación e sensibilidade de Deputación e Concello nesta iniciativa porque, “confiamos plenamente que Merca na Rúa, animará, potenciará e dinamizará as compras no comercio local de Lugo, que nunca me canso de recordar que é o que xera vida e riqueza. Por iso, pido aos lucenses que agora e sempre aposten polo comercio de proximidade, polo comercio de Lugo, polo noso comercio”.
Un sorteo de 3.000€, regalos e actividade na rúa
A campaña Merca na Rúa arranca este 1 de decembro e desenvolverase ata o 12 con diversas actividades para fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada unha delas. O sorteo terá lugar o día 11 de decembro, ás 19:30 horas, nunha carpa que se instalará diante da fachada do Pazo de San Marcos.