Deputación de Lugo

O Presidente destaca a Gala do Deporte da Milagrosa como “un dos eventos de referencia na provincia” no seu 30 aniversario

Milagrosa
AA.VV. Milagrosa
Gala do Deporte da Milagrosa
José Tomé Roca puxo en valor o compromiso da Deputación de Lugo co deporte; “punto de encontro de moitas políticas transversais” e destacou o seu impacto no benestar, os valores que é capaz de transmitir e o seu poder de promoción do territorio

Na cita, que tivo lugar no Manuel Manuel, o mandatario provincial fixo entrega de 5 dos 22 galardóns outorgados nesta edición a clubs e deportistas da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na Gala do Deporte da Milagrosa coa que a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais deste barrio lucense recoñecen a deportistas e clubs da provincia de Lugo polo seu traballo e traxectoria. O mandatario provincial, que fixo entrega de 5 dos 22 galardóns da velada, puxo en valor o 30 aniversario desta cita, “un dos eventos de referencia na provincia”.

“Na Deputación temos un compromiso de colaboración e respaldo constante co noso deporte”, asegurou José Tomé, quen subliñou que a institución provincial destinará o ano que vén 5M€ a este eido.

Afirmou que o deporte “é unha actividade importante en si mesma, pero é tamén o punto de encontro de moitas políticas transversais”. Nese sentido puxo en valor o Presidente que facer deporte é unha forma de mellorar a saúde; “un mundo de valores, de colaboración e de competencia con respecto” fundamental para a socialización dos máis pequenos; “unha peza fundamental nas políticas de igualdade, pola súa visibilidade e forza transformadora”; ou “unha forma de promocionar a imaxe da nosa provincia fóra das nosas fronteiras”, porque explicou que “con orgullo, facemos nosos os logros dos deportistas e das deportistas da nosa provincia, e as diferentes competicións atraen a milleiros de persoas, favorecendo así un turismo de calidade”.

Felicitou á Asociación de Veciños da Milagrosa por manter a tradición da gala, “por seguir promocionando e recoñecendo o deporte e por contribuír, así, a facer un barrio e unha provincia mellor”.

José Tomé entregou o recoñecemento a deportistas, clubs e persoas vinculadas a diferentes disciplinas como Fran González, cunha bagaxe importante no mundo do balonmán, primeiro como xogador e agora como adestrador; Jacobo Gómez, que leva anos como speaker no Pazo dos Deportes do Club de Baloncesto Breogán; a Sociedade Deportiva Sarriana, que supera os 50 anos de historia no fútbol español; José Manuel Fernández, máis coñecido como Madriles, que leva unha vida dedicado á Sociedade Cultural e Deportiva da Milagrosa; a Germán Alonso, do Baloncesto CB Cidade de Lugo; e José Montero Fernández, delegado do SDC San Roque de fútbol.