Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colabora coa cooperativa Vélaro, premiada pola Fundación Juana de Vega polo traballo na comercialización da carne de ovino e caprino

Cooperativa Vélaro
OVICA
Medio Rural e Mocidade
DANIEL GARCÍA
Fundación Juana de Vega
A área de Rural apoia esta iniciativa de economía social a través da colaboración con Ovica, que terá continuidade en 2024

O deputado Daniel García parabenizou a cooperativa Vélaro – creada ao abeiro de Ovica -Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia –, que vén de recibir o I  Premio ao Emprendemento Agroalimentario da Fundación Juana de Vega.

A cooperativa, con sede en Lugo, apoia a comercialización e a valorización da carne de ovino e caprino das gandeirías asociadas, preto dun cento de toda Galiza, baixo a marca Pastores de Galicia, que nas últimas anualidades contou co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A cooperativa puxo en funcionamento un sistema informático que permite a xestión dos datos de produción para levar a cabo a comercialización e distribución da carne de maneira efectiva e traballa na creación dun plan de mercadotecnia que consiga situar a marca “Pastores de Galicia” como un referente do sector.

O deputado Daniel García destacou a importancia deste traballo de campo que, explicou, se realiza en tres fases “empezando pola recollida de datos e continuando coa súa xestión e a implementación dun sistema de traballo co que afianzar a venda de cordeiros e cabritos dos socios” e que “contribúe a aumentar a rendibilidade das granxas que xa están en marcha, e anima a novos produtores”.

O responsábel provincial explicou que “a través desta iniciativa, Ovica contribúe a aumentar a rendibilidade das granxas que xa están en marcha, pero tamén  a que se activen oportunidades animando a novos produtores”.

Ademais desta iniciativa, co apoio da área de Rural  – cunha achega 22.000 euros en duas anualidades – Ovica impulsou no último ano un foro de la, con mesas técnicas e actividades lúdicas e educativas sobre o proceso produtivo da lá.

O responsábel provincial confirmou a continuidade do apoio a esta entidade, fundamental na estruturación e no desenvolvemento do sector ovino e caprino en Galiza, recollido nos orzamentos de 2024.