Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación colabora co Colexio de Avogados para que ofreza asesoramento nas prisións de Monterroso e Bonxe

Colexio avogados
bonxe
CENTRO PENITENCIARIO MONTERROSO
O Presidente e o decano do Colexio Oficial de Avogados de Lugo firmaron este martes un convenio de colaboración por un importe de 12.000€ para dar este servizo que vele polos dereitos das persoas internas, axudándolles en situacións que afectan á súa esfera persoal e laboral e tamén na súa reinserción

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co decano do Colexio Oficial de Avogados de Lugo, José Félix Mondelo Santos, un convenio de colaboración de 12.000€ que permitirá ofrecer aos presos dos Centros Penitenciarios de Bonxe e Monterroso asesoramento xurídico gratuíto para que poidan lograr a súa plena reinserción social e laboral unha vez cumpran a súa condena. Para iso créase o Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria.

José Tomé valorou o acordo poñendo o foco na importancia que as políticas sociais teñen na acción do Goberno provincial, significando máis dun terzo do total dos Orzamentos da institución. “Só cunha gran rede pública de protección social garantimos plenos dereitos á cidadanía, tamén á poboación reclusa, que mantén uns dereitos que debemos atender para poder construír políticas de educación e de reinserción social efectiva”, subliñou o Presidente.

O Colexio formará a todos os profesionais que van prestar o servizo de asesoramento para garantir o bo desenvolvemento da acción. O obxectivo é velar polos dereitos do interno, axudándolle en moitas situacións que afectan á súa esfera persoal, laboral ou reinserción, xerando confianza e posibilitando as mellores solucións xurídicas para a súa futura integración no mercado laboral con maiores garantías e menores cargas que coaxuden a non volver a delinquir.

Así mesmo, dende este servizo tamén se vai colaborar co avogado particular ou de oficio que teñan designados, tendo en conta que moitos dos internos e internas non contan con medios económicos suficientes para aboar os honorarios dun avogado especialista en dereito penitenciario.

Ademais, vaise implantar un sistema de comunicación por videoconferencia entre o Colexio e as cárceres para que utilicen os profesionais que presten este servizo. Haberá un espazo illado na biblioteca da sede do Colexio que garanta a confidencialidade das conversas cos presos.