Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O gañador da campaña Merca na Rúa gasta os 3.000€ nas tendas participantes da capital lucense

campaña
comercio local
federacion galega de comercio

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu o pistoletazo de saída na tarde deste mércores ao maratón de compras para o gañador do premio único de 3.000€ da campaña Merca na Rúa, a iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo e a Federación de Comercio para apoiar e incentivar as compras do comercio local na capital de Lugo durante esta época de Nadal. A carreira arrancou da Praza de San Marcos, ás 16:30 horas, coa presenza tamén do presidente da Federación de Comercio, José María Seijas López, e o Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto. 

O Deputado Pablo Rivera acompañou nas primeiras compras ao lucense Juan Antonio Novoa, consumidor que resultou agraciado no sorteo público celebrada no día de onte na Praza de San Marcos, que ata as 19:00 horas percorreu un total de vinte establecementos dos 100 adheridos á campaña, entre os que mercou artigos de todo tipo como xoguetes, xoiería, roupa, zapatos ou complementos.  

A da capital forma parte da campaña que a Deputación financia con 50.000€, co obxectivo de promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa culminará este xoves, 14 de decembro, no Pazo de San Marcos cunha Gala do Comercio na que os 17 negocios da provincia máis valorados pola clientela recibirán premios de 500€ cada un.