Deputación de Lugo
Turismo

Taboada prepara a terceira edición do mercado Petiscos de Nadal co impulso da Deputación

Mercado Petiscos de Nadal
Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada
A cita que organiza a Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada celebrarase o sábado 23 de decembro na praza de Riazón e contará como en anos anteriores con expositores de produtos artesanais e actividades para toda a familia

García Porto destacou a importancia dos produtores locais para este evento e porque “producen alimentos e produtos excepcionais que levan detrás unha tradición transmitida en moitas ocasións de xeración en xeración”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres no cuartel vello de Taboada na presentación da terceira edición do mercado Petiscos de Nadal, que organiza a Asociación de Comerciantes e Industriais da localidade (ACIMTA). A cita, que pon en valor a gastronomía e a artesanía da contorna, terá lugar o vindeiro sábado 23 de decembro na Praza de Riazón.

“O voso esforzo non só crea oportunidades económicas, senón tamén fomenta a unión e a cohesión desta comunidade”, valorou a Deputada, que agradeceu a implicación e o entusiasmo dos comerciantes de Taboada para sacar adiante esta iniciativa e o traballo e a dedicación do Alcalde, Roi Rigueira, “que nestes meses non pasou desapercibido”.

García Porto sinalou que “cando veñamos ao mercado debemos pensar na dedicación e na historia que cada comerciante e produtor local achega a esta celebración. Son eles os que fan deste mercado un lugar onde as conexións humanas brillan con luz propia”. Apuntou que “cada produto que veremos aquí leva consigo a esencia da Ribeira Sacra” e loou aos produtores, producen alimentos e produtos excepcionais que levan detrás unha tradición transmitida en moitas ocasións de xeración en xeración”.

No acto, a representante provincial estivo acompañada do Alcalde de Taboada, Roi Rigueira; o presidente da Asociación de Comerciantes taboadense, Miguel Pavón; a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística, Iria Castro; e o concelleiro de Cultura de Taboada, Manuel Diéguez.

Este mercado que busca promocionar e poñer en valor os produtos e a gastronomía da Ribeira Sacra con todo tipo de expositores artesanais conta co apoio da Deputación de Lugo desde a súa creación no ano 2020.