Deputación de Lugo

Os premios Son Muller volven recoñecer o talento empresarial feminino co apoio da Deputación

SON MULLER
premios
AELU
A Deputada de Muller e Igualdade participou na sexta edición destes galardóns “cunha pegada importantísima no camiño cara unha igualdade real, que celebran o talento e a valentía das mulleres emprendedoras da nosa provincia”

Marisol Morandeira entregou esta noite as matrioskas á Noelia Solar, que recolleu o primeiro premio na categoría Son Empresaria Rural 2023 polo seu proxecto Esencia Viva; e o segundo de Son Emprendedora a Rocío Andón, por Máisqueteatro

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este venres na gala de entrega dos sextos premios Son Muller, celebrada no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Uns galardóns impulsados pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia (AELU) co apoio da Deputación, que recoñecen o talento empresarial feminino da provincia. 

“Os premios Son Muller van máis alá de destacar un éxito ou unha traxectoria empresarial. Estes son uns premios que poñen en valor o paso que damos cada unha de nós por avanzar cara unha sociedade máis xusta”, subliñou a Deputada. Destacou que “o emprendemento feminino é un pilar fundamental neste proceso de cambio que estamos a vivir. Porque cada negocio creado por unha muller non só contribúe a economía, tamén xoga un papel clave na demolición de barreiras de xénero que aínda, en pleno século XXI, existen no noso camiño”.

Puxo en valor uns galardóns, que “con apenas seis anos, son xa unha referencia na provincia a base de recoñecer que as mulleres de Lugo somos líderes poderosas e fonte de inspiración en todos os ámbitos da vida empresarial”, e sinalou a importancia de “fomentar un ambiente no que as mulleres se sintan empoderadas, capaces de perseguir as súas metas e facer oír as súas voces. Un camiño no que a Deputación terá sempre a man tendida”.

Marisol Morandeira entregou as matrioskas á Noelia Solar, que recolleu o primeiro premio na categoría Son Empresaria Rural 2023 polo seu proxecto Esencia Viva, unha categoría na que o segundo recoñecemento foi para Raquel Mel, de Asesoría MEL Inmobiliaria. A Deputada entregou o segundo de Son Emprendedora a Rocío Andón, por Máisqueteatro, unha categoría na que resultou distinguida en primeiro termo Elena Belgrano, de Educohabitar. Na categoría de Empresaria, as mulleres recoñecidas foron Teresa Calvo, de Las Calas; e Antía Moire, de FAW editorial.

A Deputación colabora economicamente con AELU para sacar adiante este certame, que dota os premios Son Muller con 1.000€ en metálico á gañadora e o segundo, en 500€. En ambos casos, as galardoadas obteñen un ano de cota gratuíta como asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.