Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación aporta 123.000€ ao Concello de Quiroga para a mellora da mobilidade e a promoción turística

Quiroga
O Presidente provincial, José Tomé Roca, e o Alcalde quirogués, José Rivera Castro, xunto ao tenente de Alcalde do municipio, Vicente Vizcaíno Parra, asinaron este xoves un convenio de colaboración que permitirá á entidade local, por unha banda, adquirir un tractor para o arranxo de pistas e, por outra, implantar a plataforma dixital Aldealista

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Quiroga, José Rivera Castro, xunto ao tenente de Alcalde da localidade, Vicente Vizcaíno Parra, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta 123.000€ ao Concello para, por un lado, adquirir un tractor para o arranxo e mantemento de pistas, co que mellorará a mobilidde, e, por outro, implantar a plataforma dixital Aldealista, coa que potenciará a promoción turística.

José Tomé enmarcou este acordo na “cooperación, intensa e continua, que mantemos con todos os concellos da provincia, neste caso co de Quiroga, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. E lembrou o compromiso do Goberno provincial “para facer que a Deputación funcione como un concello grande que axude ao resto de concellos”.

Concretamente, este convenio co Concello de Quiroga permitirá por unha banda a adquisición dun tractor para o arranxo e o acondicionamento de camiños rurais. Unha nova maquinaria que servirá para poñer a punto as pistas de titularidade municipal “en inadecuado estado de mantemento”, tal e como sinalan desde o Concello. “Este tractor permitiranos manter, acondicionar e mellorar moitos pasos deteriorados polo mal uso, o abandono e as condicións meteorolóxicas, pero tamén recuperar trazados orixinais”, apuntan.

Por outra banda, a Deputación tamén axudará a Quiroga a implantar Aldealista, unha plataforma dixital que servirá para dar visibilidade ás aldeas do rural e promocionalas para visitas, compras ou unha boa opción para quedarse a vivir. “Unha ferramenta útil para revalorizar as zonas rurais e favorecer o seu crecemento”, explican desde o Concello.