Deputación de Lugo
Turismo

A Mariña lanza unha nova marca turística que presentará en Fitur, co apoio da Deputación de Lugo

A Mariña
mancomunidade da mariña
O Deputado de Promoción Económica e Social participou en Mondoñedo no acto de presentación de A Mariña, Galicia de corazón, unha iniciativa froito do Plan de Sostibilidade Turística coa que a Mancomunidade de Concellos da Mariña guiará a súa actividade promocional

Pablo Rivera asegurou que a comarca camiña da man da Deputación ao apostar por un modelo de turismo “sostible e de calidade, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo o ano, que coida o patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos de economía e de emprego”

Ante a chegada de pellets ás costas, o Deputado fixo un chamamento á responsabilidade e á acción da Administración que debe liderar a resposta a esta crise ambiental, a Xunta de Galicia: “hai que atallar este problema porque preservar o noso mar redunda na nosa pesca, no noso turismo e no coidado do medio ambiente”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na presentación da nova marca turística da comarca mariñana impulsada pola Mancomunidade de Concellos, A Mariña, Galicia de corazón, que presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) prevista para a vindeira semana en Madrid. Un acto que acolleu o auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo e no que participaron a presidenta da Mancomunidade e Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a vicepresidenta da entidade e rexedora de Barreiros, Ana Ermida, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e as entidades que colaboran no financiamento do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña, como é a Deputación de Lugo.

Pablo Rivera puxo en valor “o traballo de todas as persoas involucradas no proxecto, en especial, da nova directiva da Mancomunidade, con Rocío López á fronte. Sabemos que o sector turístico desempeña un papel crucial no desenvolvemento económico desta comarca e esta marca é un paso significativo para impulsar o turismo nos vindeiros anos”, detallou o Deputado.

A nova marca A Mariña, Galicia de corazón ten como obxectivo renovar a identidade turística e de territorio desta comarca de referencia, que nace no contexto de implantación do vixente  Plan de Sostibilidade Turística na Mariña 2022–2024 cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos  e co apoio da Deputación de Lugo. Un Plan que inclúe 5 eixos e 18 liñas de actuación a desenvolver cos municipios, pero tamén cos axentes turísticos.  

O Deputado de Promoción Económica asegurou que a estratexia turística da Mancomunidade “concorda plenamente co modelo que impulsamos dende a Deputación. Un turismo sostible e de calidade, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo o ano, que coida o patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos de economía e de emprego. O turismo non é só unha industria, senón un motor de desenvolvemento”. “Dicir A Mariña é dicir Deputación porque non se pode entender esta comarca sen que a institución máis importante a estea arroupando como un motor que é”, afirmou.

Ante a chegada de pellets ás costas, Rivera Capón fixo un chamamento á responsabilidade e á acción da Administración que debe liderar a resposta a esta crise ambiental, a Xunta de Galicia: “hai que atallar este problema porque preservar o noso mar redunda na nosa pesca, no noso turismo e no coidado do medio ambiente”. 

Unha nova estratexia

A proposta de renovación da identidade turística e de territorio da Mariña nace cun  “relato propio, atractivo, inclusivo e plural, capaz de conectar os atractivos e valores do destino”, afirmou a presidenta da Mancomunidade, Rocío López. “Esta marca será o argumento principal da comunicación do destino e pouco a pouco comezará a estar presente en diversos soportes e campañas de promoción, terá tamén unha cita ineludible en FITUR 2024, e será potenciada a través de diversas actuacións abrindo camiños polo de agora inexplorados e acordes co potencial turístico e de territorio da Mariña”.

Ademais de material promocional, contémplanse accións no territorio coa propia veciñanza para que sexan axentes activos na implantación da nova marca, activando así “o sentimento de pertenza”, salientaron dende a mancomunidade. 

Na xornada celebrada na cidade episcopal tamén se entregaron as 29 distincións do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) a establecementos e servizos turísticos do xeodestino, sobre todo pertencentes ao sector da hospedaxe, restauración, recursos turísticos e oficinas de turismo da comarca.