Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación abre mañá o prazo para solicitar as 1.300 prazas do Lugo Termal con descontos do 10 ao 20%

lugo termal
As persoas interesadas teñen ata o vindeiro 30 de xuño ou ata que se esgoten as prazas para beneficiarse do programa de termalismo que ofrece a institución nos balnearios de Lugo, Pantón, Palas de Rei, e Guitiriz

Está dirixido a veciños e veciñas da provincia de máis de 50 anos, que poden acudir cun acompañante que non teña necesariamente esta idade, e ofrece un mínimo de 30 técnicas termais na modalidade sen estancia, e 15 na modalidade con estancia

As solicitudes, que estarán dispoñibles no BOP onde saen publicadas as bases ou na páxina web da Deputación, poden presentarse en calquera rexistro oficial ou na sede electrónica da institución

A Deputación de Lugo abre mañá martes, 16 de xaneiro, o prazo para solicitar as 1.300 prazas do programa Lugo Termal, co que ofrece descontos de entre o 10 e o 20% nos catro balnearios da provincia, en Lugo, Pantón, Palas de Rei e Guitiriz, ao que incorpora nesta edición trala súa reapertura o pasado ano.

A institución provincial favorece o benestar social e, ao mesmo tempo, promove o turismo termal con esta iniciativa, á que destina 91.000€ nesta edición, case un 30% máis que en convocatorias anteriores. 

Está dirixido as persoas maiores de 50 anos, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que tamén terá a oportunidade de desfrutar dos descontos aínda sen ter a idade. Os requisitos que deben cumprir os solicitantes son: estar empadroados en calquera concello da provincia, valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria, á excepción de fillos que acudan en calidade de acompañantes, non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal actividade e convivencia nos establecementos, ou ter algunha contraindicación médica para recibir os tratamentos termais. 

As persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para solicitar os descontos ou ata que se esgoten as prazas.  Poden atopar o formulario de inscrición no Boletín Oficial da Provincia deste luns 15 de xaneiro, onde saen publicadas as bases do programa, ou ben a través da sede electrónica na páxina web da Deputación https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede. O documento deberá presentarse xunto coa fotocopia do DNI en calquera rexistro oficial ou a través da sede electrónica da institución provincial. 

Lugo Termal ofrece un total de 1.300 prazas (825 con estancia e 515, sen estancia) e, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias.


Modalidades

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión. O prezo é de 350,54€, dos cales a Deputación sufragará 110,55€. Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada, que será sempre os domingos, e tamén conta con servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos). Aplicaranse un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.

A modalidade sen estancia contempla dez días (de luns a venres) e o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 250 euros. Inclúe 30 técnicas termais como mínimo, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle.