Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia achegou o traballo de Asoporcel ás crianzas co programa “Da Escola á Granxa”

ÁREA MEDIO RURAL
DANIEL GARCÍA
ASOPORCEL
DA ESCOLA Á GRANXA
As crianzas de infantil e primaria coñecen o proxecto nas tres gandeirías de Porco Celta que participaron na segunda edición: Casa da Fonte, Casa Labradela, Fraga do Coto e a Fundación Terreo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou o traballo levado a cabo pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) ás crianzas da provincia a través do programa “Da Escola á Granxa”, que pechou a segunda edición cun gran éxito. Asoporcel destaca a importancia de achegar aos máis cativos da familia á realidade do rural galego cos obxectivos de desmontar estereotipos en canto ás labores agrogandeiras e de facelos coñecedores do funcionamento do sector primario en xeral e dos diferentes sistemas de produción respectuosos co medio ambiente en particular. 

O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, destacou a importancia deste traballo para “dar visibilidade a proxectos de emprendemento no rural e que os rapaces e as rapazas vexan outras realidades, tamén os do rural”. Dende Asoporcel destacaron que  “a mocidade, como xeración consumidora do futuro, coñeza de onde proceden os alimentos que consumen e, por suposto, que aprendan a valorar os produtos galegos de calidade diferenciada, é para nós un eixe de traballo imprescindible”, ao tempo que valoran moi positivamente a receptividade dos cativos e as cativas perante este tipo de actividades. 

Tras o éxito da primeira convocatoria, na que participaron as ganderías lucenses de Porco Celta: Finca A Rega (Alfoz), o MVMC de Carballo (Friol), Porco Celta de Couboeira (Mondoñedo) e Casa da Fonte (Pantón), esta edición foi a quenda da gandaría de Pantón, que repetiu, e Casa Labradela (Xove), Fraga do Coto (Vilalba) e a Fundación Terreo (Ribeira de Piquín).

Máis de 5.000 nenas e nenos de toda a provincia acudiron a algunha das 106 visitas organizadas, nas cales puideron coñecer de preto o potencial e o nivel de innovación do sector produtor lucense. Delas, dende a área Rural da Deputación de Lugo, organizáronse máis de 30 visitas a granxas de gando porcino autóctono na concorrencia das 2 convocatorias anuais. 

Adaptando o contido á idade dos asistentes, afondaron en aspectos como o valor do labor gandeiro, os motivos para fixar poboación no rural, as bondades da gandería extensiva para recuperar terras abandonadas e para previr os lumes no rural, o benestar animal e a calidade dos produtos que, como é o caso dos derivados do Porco Celta, son elaborados e comercializados por produtores locais que xeran valor engadido na contorna e axudan á fixación de poboación en áreas do rural interior e de montaña.