Deputación de Lugo
Economía

A Deputación de Lugo creará unha bolsa de vivendas para incentivar o alugueiro no rural

E para vivir Lugo
A Xunta de Goberno aprobou as bases para conceder un total de 50 axudas de 600 euros destinadas aos propietarios das vivendas no marco do programa piloto da institución E para vivir Lugo, que ten como obxectivo atraer e fixar poboación

O prazo de solicitude será de un mes desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e poderán resultar beneficiarias todas as persoas propietarias e usufrutuarias de inmobles situados en municipios de menos de 5.000 habitantes

Aprobadas as autorizacións para que os 27 novos beneficiarios dos hortos urbanos do Parque do Rato propiedade da Deputación poidan facer uso destes espazos

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases para a creación dunha bolsa de vivendas de alugueiro no rural. Unha das liñas de actuación incluídas no programa E para vivir Lugo que a institución provincial ten en marcha con fondos que conseguiu da Unión Europea para afrontar o reto demográfico.

Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen explicou que a  Deputación concederá un total de 50 axudas de 600 euros cada unha destinadas aos propietarios das vivendas para incentivar o alugueiro. “Con este plan piloto queremos abrir unha vía que consideramos moi interesante para atraer e fixar poboación no noso rural”, asegurou.

O prazo de solicitude destas axudas de concorrencia competitiva será de un mes desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Poden  resultar beneficiarias todas aquelas persoas propietarias e usufrutuarias de vivendas sen ánimo de lucro que estean situadas en concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes.

Explicou a Voceira que para a concesión destas axudas valoraranse cuestións como o concello onde estean situadas, tendo preferencia aquelas vivendas da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade, porque é onde a Deputación está a desenvolver as accións piloto deste proxecto; o equipamento, puntuando máis aqueles inmobles que conten con parcela anexa á vivenda, praza de garaxe, instalación de enerxía renovable e certificación enerxética A, B ou C; a distancia a núcleos habitados máis próximos, valorando por encima aquelas vivendas que estean integradas nun núcleo habitado; e o tamaño e o ano da construción do inmoble, con máis puntos para as máis antigas e de maior capacidade.

Pilar García Porto explicou que esta bolsa para o alugueiro de vivenda no rural forma parte dunha das tres grandes liñas de actuación do proxecto E para vivir Lugo, dotado con 300.000€ de fondos da Unión Europea. Xunto a esta iniciativa, o programa inclúe a creación de oficinas demográficas para atraer poboación e atender aos novos residentes, e axudas para a diversificación de cultivos.

Hortos urbanos

A Xunta de Goberno tamén aprobou as autorizacións de uso dos últimos 27 hortos urbanos que a Deputación tiña libres no Parque do Rato. Desta forma, están adxudicadas as 150 parcelas públicas que a institución pon a disposición da cidadanía  de maneira gratuíta nesta contorna natural de Lugo, en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño, para fomentar o lecer saudable e a agricultura ecolóxica.

Investimento en Friol

Ademais, na Xunta de Goberno saíu adiante a solicitude do Concello de Friol para a aplicación de remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2023. En concreto, para a utilización de preto de 40.000€ destinados á mellora do viario municipal na parroquia de Carlín e no lugar de Portalamoso, na parroquia de Xiá.