Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo renovou as pasarelas peonís da estrada de Ombreiro

paseo do río Miño
Ombreiro
Os traballos neste itinerario, que dá servizo ao paseo do río Miño, moi transitado pola veciñanza, consistiron na retirada do antigo pavimento, e na reposición dos elementos de suxeición da estrutura e as táboas en dous tramos

A Deputación de Lugo vén de rematar os traballos de renovación das pasarelas peonís da estrada de Ombreiro, en Lugo. Unhas obras que realizou a empresa pública Tragsa, medio propio da institución provincial, e que contaron cun investimento de 18.000€. 

O proxecto consistiu na retirada do antigo pavimento, e na reposición dos elementos de suxeición da estrutura e as táboas das pasarelas en dous tramos dun total de 150 metros, para o que se usou madeira de pino tratada. Unha infraestrutura que dá servizo ao paseo do río Miño, unha ruta periurbana moi transitada pola veciñanza que descorre á marxe esquerda do cauce ao seu paso por Lugo e que vai tamén paralela á estrada de Ombreiro. 

Esta actuación serviu para mellorar a seguridade e a comodidade nesta zona, moi empregada por ciclistas, afeccionados ao atletismo e persoas que se achegan a pasear.