Deputación de Lugo
Economía

Navia de Suarna prepara a 33ª Festa da Androlla, que se celebrará este domingo coa axuda da Deputación

Festa da Androlla
Navia de Suarna
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o Alcalde, José Fernández, presentaron hoxe no Pazo de San Marcos esta cita gastronómica, “un revulsivo fundamental para o municipio e a comarca da Montaña polo que supón en termos de xeración de riqueza e promoción turística”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, presentaron este mércores a XXXIII Festa da Androlla, que se celebrará este domingo na praza de España da Pobra de Navia durante toda a xornada. No acto, celebrado no Pazo de San Marcos, participou tamén Mari Carmen Sánchez, propietaria da empresa Embutidos Suarna.

Pablo Rivera felicitou ao Alcalde e ao seu equipo de Goberno pola súa aposta por unha feira que é “un revulsivo fundamental para o municipio e a comarca da Montaña polo que supón en termos de xeración de riqueza e promoción turística”. Destacou a androlla como “un embaixador importantísimo da gastronomía da provincia, que representa o mellor dos produtos lucenses: a calidade na materia prima e o mimo na elaboración”. E enmarcou a colaboración da institución provincial -que achega 3.000 euros para a organización desta iniciativa gastronómica- na campaña que a Deputación vén de presentar en FITUR, a maior feira de turismo de España, Saborea la provincia de Lugo.

O Deputado puxo tamén en valor o traballo de gandeiros e produtores, que a través do “esforzo conxunto demostran o talento e as capacidades do rural para afrontar o reto demográfico”. 

Pola súa banda, José Fernández subliñou que a androlla “é un produto artesán, de máxima calidade, feito onde se fixo sempre e como fixeron sempre os nosos antepasados” co obxectivo, asegurou o Alcalde, “de promocionar a Androla o máximo posible”.

O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e a proba de habilidades V Ruta da Androlla 4x4; ás 10.30 horas dará comezo a XXXIII Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas haberá degustación de androlla na Praza da Vila; ás 15.00 horas o xantar oficial, e será ás 18.00 horas cando se clausure a cita cunha actuación musical.