Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Barreiros acolle o sábado unha xornada técnica sobre a vespa velutina co apoio da Vicepresidencia da Deputación

RURAL
Vespa velutina
AGA
DANIEL GARCÍA
Daniel García destacou que a actividade ofrece formación para actuar contra esta especie invasora que merma produucións apícolas e agrarias

 O Concello de Barreiros acolle este sábado, 18 de maio, a xornada técnica “Convives ou combates. Ti elixes!” contra a vespa velutina. A Asociación Galega de Apicultura (AGA) organiza esta actividade, que se celebrará nas Escolas Vellas de San Miguel ás 11 horas, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Trátase dunha formación que nace co obxectivo de que a veciñanza teña os coñecementos e as ferramentas precisas para afrontar a proliferación desta especie invasora e continuar coas producións apícolas e agrarias. A xornada completarase na tempada estival cunha formación práctica dando continuidade a esta primeira parte das xornadas. As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades deben enviar un correo electrónico a info@apiculturagalega.gal para inscribirse de balde.

O deputado de Rural e concelleiro de Dinamización e participación veciñal Daniel García destacou a importancia de “formar á veciñanza en áreas que afectan ao día a día, e a vespa velutina está a ser cada vez máis un problema tanto para as persoas que se dedican a apicultura ou a produción de froita, como para aquelas outras que teñen pequenas producións de autoconsumo nas súas casas”

“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros consideramos fundamental que a cidadanía teña os coñecementos e os recursos para actuar na súa contorna máis inmediata fronte a esta problemática, que nos afecta de forma transversal”, explicou o deputado durante a presentación da actividade.

Na charla, a cargo de persoal da Asociación Galega de Apicultura, explícase o ciclo da vespa velutina, necesario para entender o funcionamento das trampas xa que se instalan no período no que a raíña traballa soa para construír o niño. Posteriormente faise un repaso pola eficiencia das trampas e a súa elaboración, coidados e mantementos. Dende a entidade explicarán como elaborar a mestura máis eficiente ou onde colocalas, normalmente en especies florais de máxima atracción para as velutinas. Os asistentes coñecerán tamén o momento no que é necesario a súa retirada e o proceso do pico de capturas desta especie.

A actividade forma parte dun programa que o sábado se achega en horario de tarde ao concello de Carballedo e que a pasada fin de semana celebrou as xornadas técnicas en Lugo e Samos.

 

Foto: O deputado e concelleiro Daniel García xunto aos concelleiros de Barreiros Antonio Veiga e Dámaso Ratoeira; o apicultur e membro de AGA Javier Carreiras, e o tamén apicultor e veciño de Barreiros Ramiro Loredo