Deputación de Lugo
Economía
Formación

A Deputación culmina este xoves o Mes da Saúde que promoveu dentro do programa Xunt@s

MES SAUDE
Xuntos
O Pazo de San Marcos

O Pazo de San Marcos acolle este xoves, 30 de maio, a última xornada do Mes da Saúde, unha iniciativa que promove a Deputación,dentro do programa Xunt@s, para mellorar o benestar social a través de tres encontros dedicados á nutrición, o envellecemento e os beneficios da actividade física, e que contan con especialistas expertos nestas materias. 

Nesta última xornada, que comezará á 19:00 horas, abordaranse os beneficios que a actividade física achega á saúde. O encargado de impartir a sesión será o doutor Rosendo Bugarín González, recoñecido experto no campo da medicina familiar e comunitaria, e medicina de Urxencias. Bugarín explicará como a práctica do exercicio físico pode ser beneficiosa na calidade de vida das persoas, previndo enfermidades crónicas como a hipertensión, a diabetes ou as enfermidades cardiovasculares. Tamén falará sobre os efectos positivos do exercicio sobre a saúde mental, o estrés, a ansiedade e a depresión; e ofrecerá consellos prácticos sobre como se pode incluír a actividade física na rutina diaria, segundo as idades e condicións físicas de cada persoa. Ao final da charla, abrirase unha quenda de preguntas para que os asistentes poidan consultar dúbidas. 

Ao longo deste mes de maio desenvolvéronse no Salón de Actos do Pazo provincial unha charla sobre nutrición e hábitos saudables impartida pola destacada dietista e nutricionista Sara López Mateo; e outra sobre envellecemento activo da man da psicóloga e especialista en neurosicoloxía e xerontoloxía Marta Ramos Goicoa.

Estas xornadas inclúense no programa Xunt@s da Deputación, dotado cun total de 91.000€, que está a ter moi boa acollida. Un milleiro de veciños e veciñas xa participaron nestas charlas organizadas pola institución da man dos concellos. A institución provincial desenvolve unha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías.