Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Praza de Abastos de Lugo acolle unha degustación organizada por PURAGA co apoio da Vicepresidencia

PURAGA
RURAL
DANIEL GARCÍA

A Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) elaborou este venres unha degustación de cabalo co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración da área de Participación do Concello de Lugo. A Praza de Abastos acolleu esta cita que permitiu degustar de balde esta raza autóctona en distintas elaboracións ás persoas que se achegaron.

O restaurante Andarubel, especialista en raza autóctonas, elaborou unha hamburguesa con Queixo de San Simón e un canelón recheo de carne estofada para dar a coñecer a calidade deste produto. A actividade volve repetirse este sábado, 8 de xuño, ás 12.30 horas na Praza de Abastos lucense.

O deputado de Rural Daniel García, que estivo acompañado pola concelleira de Participación Cristina López, celebrou a boa acollida desta actividade “que dende a Vicepresidencia provincial enmarcamos no acordo anual para que os consumidores e consumidoras finais coñezan o produto ao tempo que se promove o seu consumo e se incentiva a economía grazas aos gandeiros e ao comercio de proximidade”. Esta actividade desenvólvese baixo o paraugas do acordo levado a cabo entre a área de Rural da institución provincial e PURAGA con degustacións gratuítas de cabalo de pura raza galega, a posta en valor as cualidades nutricionais e culinarias da súa carne e dar visibilidade ao traballo das criadoras e criadores locais da comarca de Lugo. 

Dende PURAGA valoran moi positivamente estas actividades e celebran que cada vez máis lucenses se animen a consumir esta carne “esta mesma semana celebramos que xa se pode atopar este produto na praza de Abastos de Lugo o que permite dar a coñecer a labor dos gandeiros e crear sinerxias e colaboracións, grazas a un novo punto de venda”. Ademais, sinalan que a vindeira semana, coincidindo co Arde Lucus, o Clan Breogán contará no seu campamento (parque Rosalía de Castro) cunha degustación de espeto de poldro, recreando a comida dos castrexos, dentro do marco de colaboración coa área de Rural da Vicepresidencia.