Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputaciónachega 15.000€ á Asociación Saúde Mental A Mariña para o funcionamento do Centro de Burela, que atende a 25 usuarios

saude mental
A Mariña
O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co presidente desta entidade, Jorge Manchado Rivero, para financiar os gastos correntes do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela

O mandatario provincial destacou o labor que realiza esta asociación para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e subliñou que “ademais contribúe a derribar os estigmas asociados ás enfermidades mentais”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co presidente da Asociación Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado Rivero, a través do que a institución provincial realiza unha achega económica de 15.000 euros a esta entidade para contribuír cos gastos correntes do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, un dos sete complexos dos que dispón este colectivo, que presta atención diaria a 25 usuarios e usuarias. 

José Tomé sinalou que “dende a Deputación de Lugo somos plenamente conscientes da importancia de colaborar activamente con este tipo de entidades que demostran que o seu traballo é fundamental para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias e tamén das súas familias”. Nesta liña, o mandatario provincial subliñou que “o seu labor tamén contribúe a derribar os estigmas asociados ás enfermidades mentais”. 

A Asociación Saúde Mental A Mariña empregará esta axuda da Deputación para o funcionamento do C.R.P.L de Burela, un complexo que se creou no ano 1999 e que presta atención diaria de luns a venres a 25 usuarios e usuarias. En concreto, esta colaboración diríxeseá atención prelaboral das persoas do centro, na que se inclúen obradoiros de pintura, psicomotricidade, arteterapia ou estimulación cognitiva. Ademais, tamén reciben atención psicolóxica, con sesións individuais e grupais ou terapia familiar, así como diferentes actividades relacionadas coas habilidades sociais ou a vida diaria. 

Grazas a esta axuda a asociación garante unha atención integral e personalizada dos seus usuarios e usuarias, facilita o desenvolvemento persoal aproveitando as súas capacidades, presta apoio ás familias e traballa nas habilidades esenciais para o desempeño dunha actividade laboral. 

Asociación Saúde Mental A Mariña

Esta entidade nace no ano 1999 co obxectivo de asistir de forma continuada ás persoas que padecen enfermidades mentais, na comarca mariñá,  e as súas familias, que precisan do coñecemento de diferentes ferramentas para facer fronte a diversas situacións. Ademais do C.R.P.L de Burela, a asociación dispón doutrosseis complexos especializados cos que atende a preto de 150 persoas: un piso protexido e unha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidades mentais en Burela, unha unidade residencial, onde se sitúa a sede social da entidade e unha residencia Resort en Cervo, e o C.R.P.L de Viveiro e o C.R.P.L de Ribadeo.