Deputación de Lugo

Cospeito converterase no epicentro da cetrería esta fin de semana co apoio da Deputación de Lugo

Pablo Rivera Capón
Campionato Galego de Cetrería
Presentación do Campionato Galego de Cetrería
- O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou esta martes na praza de San Marcos o XXI Campionato Galego de Cetrería que terá lugar do 25 ao 27 de outubro neste municipio

- Rivera Capón avanzou que “desde a institución provincial colaboramos con esta cita, que reunirá aos mellores profesionais desta disciplina, cuncha achega económica de 2.000€”

- A programación inclúe cinco modalidades de competición, unha cea de confraternidade entre os participantes e unha conferencia a cargo do cetreiro de renome internacional, Santiago Camarena

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este martes na Praza de San Marcos o XXI Campionato Galego de Cetrería que terá lugar do 25 ao 27 de outubro no municipio de Cospeito e no que participarán preto de 50 aves chegadas de diferentes puntos de Galicia, Cantabria e Asturias. No acto de presentación, ao que tamén asistiron alumnos e alumnas do Colexio Quiroga Ballesteros, o presidente da Asociación Galega de Cetrería, Francisco González, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, entre outras autoridades, os asistentes puideron desfrutar dunha exhibición de aves, así como da correspondente explicación e características de cada unha delas. 

Durante a presentación, Pablo Rivera avanzou que “a cetrería é unha arte ancestral que data do século V e foi recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade no ano 2010” e subliñou que “desde a institución provincial colaboramos con esta cita, que reunirá aos mellores profesionais desta disciplina, cunha achega económica de 2.000€. Trátase dun evento que atrae a numerosos veciños e visitantes o que contribúe de xeito directo á dinamización da economía non só desta localidade, senón de todo o conxunto da provincia”. 

A programación da vixésimo primeira edición desta cita inclúe cinco modalidades de competición: altanería, pequenas aves, baixo voo azor, baixo voo harris e man por man. Arrincará o venres, 25 de outubro, ás 21:00 horas co sorteo de voos no museo das aves en Cospeito. O sábado 26 de outubro ás 9:00 horas comezarán os torneos, e pola noite, os participantes poderán desfrutar dunha cena de confraternidade e dunha conferencia a cargo do cetreiro de renome internacional, Santiago Camarena. Xa na última xornada do campionato, o domingo 27 de outubro, realizaranse os voos finalistas e a entrega de premios aos galardoados. 


Rivera Capón convidou a toda a cidadanía a achegarse a Cospeito “durante esta fin de semana” e agradeceu o esforzo e o labor da Sociedade Galega de Cetrería e da Federación Galega de Caza “por organizar un ano máis este evento”. Ademais, o Deputado Provincial finalizou a súa intervención agradecéndolles que “escolleran un municipio da nosa provincia para celebralo”.