Deputación de Lugo

As mulleres de Bartolomeu de Insua recuperan o antigo oficio do fiado do liño co apoio da Deputación

tasca do liño
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas participou na inauguración da XVI Tasca do Liño que se celebra na parroquia vilalbesa e que conta cunha achega da institución provincial de 2.000€

Carmela López destacou que esta tradición tan arraigada en Insua “é un espazo de encontro, de aprendizaxe e de celebración fundamental para que as nosas mozas e mozos aprendan estas habilidades e se conecten coas raíces da súa cultura”

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este sábado na XVI Tasca do Liño que se celebrou no Campo da Festa de San Bartolomé de Insua grazas a unha achega de 2.000€ da Deputación de Lugo. No acto inaugural tamén participaron a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato; e a secretaria da entidade, Miriam Fernández Otero.

Durante a súa intervención, Carmela López felicitou á asociación vilalbesa polo seu traballo na consolidación desta cita, que, tras 16 anos, xa se converteu nun referente na comarca da Terra Chá e en toda a provincia de Lugo. Destacou que “a Tasca do Liño promove a recuperación das tradicións e da historia do rural, transmitindo a riqueza dunha práctica onde do liño se extrae o fío para a confección de vestimenta e utensilios domésticos, un traballo que combina esforzo e socialización”.

A Deputada destacou que o evento visibiliza a historia téxtil da Chaira, dignificando este oficio grazas ao labor das mulleres da Insua. “O liño simboliza a forza, a dedicación e a sabedoría das mulleres que, durante xeracións, o traballaron nas súas casas e campos. Hoxe rendemos homenaxe a todas aquelas que contribuíron a tecer a historia de San Bartolomeu. O seu labor foi fundamental para a economía local e a transmisión de valores e tradicións que nos definen como comunidade”, sinalou.

A docente e historiadora  Marisa Barreiro foi a encargada de pregoar a cita, que incluíu obradoiros de artesanía, actuacións musicais e demostracións da Tasca de Liño. A xornada rematou co conxuro da queimada a cargo do Meigo do Lume.