Deputación de Lugo
Formación

A Deputación impulsa un novo Ciclo Luis Asorey sobre a alimentación e o medio ambiente na saúde

ciclo luis asorey
O Pazo de San Marcos acollerá entre os días 18 e o 27 de novembro a 35ª edición destas xornadas de entrada libre e gratuíta que organiza a Real Academia de Ciencias para abordar cuestións como o valor da dieta atlántica e os produtos de proximidade

A Deputación de Lugo impulsa xunto a Real Academia de Ciencias (RAGC) e o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela un novo Ciclo Luis Asorey que se celebrará entre os días 18 e 27 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Na 35 edición destas xornadas, que serán de entrada libre e gratuíta, se abordarán cuestións relacionadas coa alimentación e o medio ambiente na saúde.

As xornadas, que se desenvolverán todos os días entre as 19:00 e as 21:00 horas,  están coordinadas por Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. As persoas interesadas en asistir ás diferentes conferencias poden inscribirse a través da ligazón: https://forms.gle/rh7xero5GFyBJDsY9.

O programa arrancará cunha conferencia impartida por Antonio Rigueiro sobre a relevancia do monte e a natureza na nosa alimentación e saúde. O martes 19, Rosaura Leis abordará o valor da dieta atlántica en relación á saúde e á sustentabilidade. Ángeles Romero afondará o mércores 20 no envellecemento saudable a través da nutrición. O 21, xoves, o tema será as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos, a través dunha conferencia de Dolores Raigón.  

A semana seguinte, Ángel Carracedo achegarase o luns 25 á relación entre a xenética, o medio ambiente e a saúde. Durante a xornada do martes 26, Gumersindo Feijoo tratará a dieta atlántica en comparación con outras dietas convencionais. Como remate do ciclo, o doutor José María de Matías explicará o valor da dieta atlántica para a prevención da obesidade e de enfermidades endócrinas.
 

Cartel