Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación destina 135.000€ a FUDACE para mellorar e a ampliar o seu centro residencial

JOSE TOMÉ
Dano cerebral
José Tomé Roca asinou co presidente do colectivo un acordo a través do que a institución destina 135.000€ á Fundación de Dano Cerebral para sufragar os gastos de reforma e ampliación do centro que a entidade xestiona en Castro de Rei

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidenteda Fundación de Dano Cerebral, Luis Abelleira Mayor,asinaron no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración a través do que a institución provincial achega 135.000€ para colaborar cos gastos de reforma e ampliación do centro de atención a persoas con dano cerebral que a entidade xestiona nun espazo cedido pola Deputación en Castro de Rei. 

Segundo explicou Tomé Roca, “este investimento reafirma o compromiso da Deputación de Lugo coas persoas máis vulnerables e co apoio ás entidades que traballan por mellorar a súa calidade de vida. Queremos garantir que este centro conte cunhas instalacións modernas e axeitadas para ofrecer a mellor atención posible".

O Presidente detallou que os fondos permitirán realizar a reparación exterior dos dous edificios que conforman o centro, incluíndo a pasarela que os conecta, mediante a instalación dun revestimento que garanta a súa impermeabilización, ademais da substitución das ventás. "As reformas tamén incluirán a creación dunha nova sala destinada ao descanso do persoal e ás visitas dos residentes, mellorando así o día a día das persoas usuarias e traballadoras deste espazo", engadiu.

As obras levaranse a cabo ao longo das anualidades 2025, 2026 e 2027, cun custo total estimado de 208.498,89€, dos que a Deputación cubrirá arredor do 65%.

Un centro de referencia para o dano cerebral en Galicia

O centro de FUDACE, situado en Castro Riberas de Lea, opera nas instalacións da antiga Escola Fogar, un espazo cedido pola Deputación no ano 2002 cun acordo vixente ata 2067. Este centro conta con 28 prazas  residenciais para persoas con dano cerebral procedentes de toda Galicia, que son atendidas por un equipo formado por 23 profesionais.

José Tomé Roca sinalou que a finalidade desta colaboración “é garantir unhas instalacións adecuadas e modernizadas para ofrecer unha atención integral e especializada, mantendo a sostibilidade e a funcionalidade do centro a longo prazo”.