A Deputación abre mañá o prazo para participar na segunda edición do programa gratuíto de educación ambiental Exploradores do Miño
- As propostas, que se van desenvolver no Centro de Interpretación Terras do Miño do 24 de xaneiro ao 27 de xuño, van dirixidas a concienciar aos máis pequenos sobre o coidado da contorna natural, ao tempo que facilitan a conciliación laboral e familiar
- As inscricións poden realizarse desde este venres, 10 de xaneiro, a partir das 12:00 horas en https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais ou a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa gratuíto Exploradores do Miño, a iniciativa de educación ambiental creada pola institución provincial o pasado ano e na que poden participar nenos e nenas de entre 6 a 11 anos. Nesta convocatoria incorpóranse case unha vintena de actividades de lecer dirixidas a concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de conservar e coidar do medio ambiente, ao tempo que tamén facilita a conciliación das familias.
A programación, na que se inclúen un total de 20 prazas por proposta, desenvolverase todos os venres do 24 de xaneiro ata 27 de xuño en horario de 17:00 horas a 19:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Desde este venres, 10 de xaneiro, ás 12:00 horas poden formalizarse as inscricións na páxina web https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais ou a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. As persoas interesadas en consultar máis información poden facelo chamando ao 982 227 812.
Ademais, os nenos e nenas que participen conseguirán un kit de produtos coa imaxe desta iniciativa. As actividades previstas son:
• Aprender a reciclar.
• Aprender a compostar.
• Aprender a vermicompostar.
• Papel reciclado.
• Encadernación de libros en papel reciclado.
• Saída para recoñecer árbores, recoller follas e facer herbario.
• Xoguetes con materiais reciclados.
• Saída para recoñecer herbas.
• O ciclo da auga.
• Creación dun xogo de mesa sobre medio ambiente.
• Facemos un niño de paxaros.
• Recoñecer animais da biosfera.
• Facer un mapa con topónimos.
• Representamos lendas da Terra do Miño.
• Protexer a nosa contorna, con saída para recoller restos non biodegradables.
• Deportes ao aire libre.
• Plantación de especies hortícolas autóctonas.