Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

A Deputación abre hoxe o prazo de reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

Pilar García Porto
rutas fluviais
Ribeira Sacra
As persoas interesadas en realizar estas viaxes turísticas poden adquirir os seus billetes dende este luns en reservas.rutasembalses.es para a nova tempada, que arrancará o 22 de marzo e se prolongará ata final de ano

A través da páxina web o visitante pode coñecer en tempo real as 24 horas do día os detalles para programar a súa experiencia en catamarán, consultar tarifas, horarios, modificar a reserva ou consultar información de interese. Non se permiten reservas por teléfono nin por correo electrónico

“Mantemos as rutas en catamarán polo Canón do Sil e o Cabo do Mundo. No 2024, máis de 61.000 persoas desfrutaron destas viaxes, reafirmando o éxito do servizo e o impacto económico positivo que ten para a provincia”, valorou Pilar García Porto

A Deputación de Lugo abriuhoxe o prazo para reservar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, unha das propostas turísticas máis destacadas da provincia e que ofrece a institución provincial.A tempada 2025 comezará o próximo 22 de marzoe prolongarase ata finais de ano. 

As persoas interesadas en realizar estas viaxes poden adquirir os seus billetes a través da páxina web reservas.rutasembalses.es, onde terán acceso en tempo real a toda a información sobre horarios, tarifas e dispoñibilidade das rutas. A plataforma permite tamén modificar reservas e consultar detalles adicionais de forma sinxela e rápida, estando dispoñible as 24 horas do día. Non se aceptan reservas por teléfono nin por correo electrónico.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito destas rutas, que ofrecen como todos as tempadas percorridos polo Canón do Sil e o Cabo do Mundo.“Mantemos estas dúas rutas, das que no ano 2024 desfrutaron máis de 61.000 persoas, o que reafirma o éxito do servizo e o impacto económico positivo que ten para a provincia”, subliñou a Deputada.

“As rutas fluviais da Ribeira Sacra percorren algunhas das paisaxes máis impresionantes da provincia, converténdose nun auténtico motor económico para a comarca, ao fomentar o turismo e a dinamización das economías locais”, subliñou a Deputada.
O portal habilitado pola Deputación ofrece tamén a posibilidade de modificar as reservas, consultar a normativa e recibir información actualizada sobre a viaxe. Ademais, os usuarios e usuarias poderán acceder ás tarifas especiais para colectivos como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de até 3 anos viaxan de balde.
Ademais do portal web, a Deputación tamén habilitará outros canles de atención ao público a través do teléfono 982 260 196 e o correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org, en horario de 9:00 a 14:30 horas. A partir do 17 de marzo, ampliarase o horario de atención de 9:00 a 20:00 horas.


Rutas e horarios

Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas. 

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín. 

Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas. 

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. 

En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.

Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. 
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas. 
En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.