A Deputación abre hoxe o prazo de reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

A través da páxina web o visitante pode coñecer en tempo real as 24 horas do día os detalles para programar a súa experiencia en catamarán, consultar tarifas, horarios, modificar a reserva ou consultar información de interese. Non se permiten reservas por teléfono nin por correo electrónico
“Mantemos as rutas en catamarán polo Canón do Sil e o Cabo do Mundo. No 2024, máis de 61.000 persoas desfrutaron destas viaxes, reafirmando o éxito do servizo e o impacto económico positivo que ten para a provincia”, valorou Pilar García Porto
A Deputación de Lugo abriuhoxe o prazo para reservar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, unha das propostas turísticas máis destacadas da provincia e que ofrece a institución provincial.A tempada 2025 comezará o próximo 22 de marzoe prolongarase ata finais de ano.
As persoas interesadas en realizar estas viaxes poden adquirir os seus billetes a través da páxina web reservas.rutasembalses.es, onde terán acceso en tempo real a toda a información sobre horarios, tarifas e dispoñibilidade das rutas. A plataforma permite tamén modificar reservas e consultar detalles adicionais de forma sinxela e rápida, estando dispoñible as 24 horas do día. Non se aceptan reservas por teléfono nin por correo electrónico.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito destas rutas, que ofrecen como todos as tempadas percorridos polo Canón do Sil e o Cabo do Mundo.“Mantemos estas dúas rutas, das que no ano 2024 desfrutaron máis de 61.000 persoas, o que reafirma o éxito do servizo e o impacto económico positivo que ten para a provincia”, subliñou a Deputada.
“As rutas fluviais da Ribeira Sacra percorren algunhas das paisaxes máis impresionantes da provincia, converténdose nun auténtico motor económico para a comarca, ao fomentar o turismo e a dinamización das economías locais”, subliñou a Deputada.
O portal habilitado pola Deputación ofrece tamén a posibilidade de modificar as reservas, consultar a normativa e recibir información actualizada sobre a viaxe. Ademais, os usuarios e usuarias poderán acceder ás tarifas especiais para colectivos como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de até 3 anos viaxan de balde.
Ademais do portal web, a Deputación tamén habilitará outros canles de atención ao público a través do teléfono 982 260 196 e o correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org, en horario de 9:00 a 14:30 horas. A partir do 17 de marzo, ampliarase o horario de atención de 9:00 a 20:00 horas.
Rutas e horarios
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.
Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas.
En abril, con motivo da Semana Santa (do luns 14 ao domingo 16), haberá servizo ininterrompido todos os días nas dúas rutas que ofrece a Deputación. Do embarcadoiro de Ponte do Sil sairán as dúas embarcacións. A do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e a do Canón de 11:00 horas a 16:30 horas. No caso da ruta Cabo do Mundo haberá servizo do Pelegrín de 11:30 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.
En maio, a ruta Canón do Sil operará de mércores a venres con saídas ás 11:30 e 16:30 no Mencía. As fins de semana e a ponte pola festividade do Traballo (xoves día 1 e venres día 2), na ruta Canón do Sil a Deputación reforzará o servizo con viaxes na embarcación Canón, ás 11:00 e 16:30 horas; e no Mencía ás 11:30 e ás 17:00 horas. No caso da ruta Cabo do Mundo, o servizo operará as fins de semana e os días 1 e 2 de maio, con viaxes ás 11:30 e ás 16:30 horas.
Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas.
En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.