A Vicepresidencia da Deputación instalará un videomarcador central no Pazo dos Deportes

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro confirmou que as condicións da cuberta do Pazo dos Deportes permiten a instalación dun videomarcador central, unha das actuacións previstas dentro do programa de mellora e modernización da instalación provincial que ven desenvolvendo a área de Deportes.
O responsable provincial explicou que “nas últimas semanas recibimos as conclusións do estudo sobre a capacidade de carga da cuberta, que confirma que pode instalarse un peso puntual máximo de ata 2.800 Kg. Segundo as empresas proveedoras consultadas, isto é suficiente para un equipamento moderno, de última xeración, que incorpore as últimas prestacións e innovacións”
A este respecto, adiantou que “a partir do estudo e da información recollida, os servizos provinciais están traballando nos pregos para licitar o contrato de compra e instalación do videomarcador. O obxectivo é realizar a instalación de cara a vindeira temporada”
Estudo de carga
O estudo de carga da cuberta, realizado pola empresa L&M, requiriu un minucioso traballo a partir do proxecto de execución redactado polos arquitectos Jorge Zapata Suárez e Luis Gorozarri Del Valle para a construción do Pazo.
Despois de localizar, revisar e contrastar ditos documentos, foi preciso comprobar o grao de coincidencia dos datos obtidos coa xeometría da estrutura realmente construída con medicións in situ (longo, diámetro e espesor de barras, diámetros de nos e características de parafusos) e imaxes de dron.
Realizadas as comprobacións, iniciouse o traballo de estudo que determinou que a carga puntual máxima que se pode suspender da estrutura da cuberta non poderá exceder de 2800 kg repartido en catro apoios coincidente con catros nos situados na capa superior da maia.
Rehabilitación da cuberta
Ademais da instalación deste equipamento, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten en marcha a contratación da obra de rehabilitación integral da cuberta do Pazo. A intervención suporá a aplicación dunha membrana impermeabilizante de poliurea sobre a superficie da cuberta, que suma 8.500 metros cadrados.