A Deputación avanza cara a apertura do Centro de Atención a Maiores de Becerreá
O Presidente: “Aprobamos un documento moi importante, un paso necesario e obrigatorio para poder abrir a residencia. Outros seguen facendo feiras, nós seguimos dando pasos, facendo actos responsable para poñer en servizo este centro”
A Deputación de Lugo deu hoxe un paso decisivo cara á posta en marcha do Centro de Maiores de Becerreá, coa aprobación inicial da memoria que recolle os aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do proxecto, ademais da ordenanza de acceso ao servizo de atención residencial e diúrna e os regulamentos internos do centro. O acordo saíu adiante no Pleno deste martes celebrado no Pazo de San Marcos cos votos a favor do PSdeG, BNG, e a abstención do Partido Popular.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, apuntou antes do inicio da sesión que hoxe se aproba “un documento moi importante, un paso necesario e obrigatorio para podela abrir”, ao tempo que detallou que mentres outros “seguen facendo feiras, nós seguimos dando pasos, facendo actos responsables para poder poñer en servizo esa residencia o antes posible”.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que “este avance é froito dun intenso traballo da Comisión de Estudo da Deputación, que elaborou un informe de preto de 300 páxinas detallando o modelo de xestión que garantirá a viabilidade e a calidade do servizo”. Para o Deputado, “a abstención do PP é un exemplo do nulo compromiso do PP coas residencias é unha falta clara de coherencia porque apoiaron a creación da Comisión de Estudo”.
Apuntou que a Deputación de Lugo reafirma, con esta decisión, “o seu compromiso coas persoas maiores e co benestar social da provincia, asumindo unha responsabilidade que outras administracións desatenderon”. Rivera Capón criticou “a inacción doutras administracións implicadas, como a Xunta de Galicia, que posúe a competencia exclusiva en servizos sociais e non aportou nin un só euro para a posta en marcha deste centro nin de ningún outro da rede provincial”. Ademais, engadiu que “para falar do noso modelo hai que coñecelo, cuestión que a Conselleira de Política Social non coñece. Dóelle que a Deputación lle des leccións de xestión, que faga o que ela ten que facer”, explicou.
A Deputación destaca que o modelo de xestión garante o control público e a colaboración con entidades especializadas para asegurar un funcionamento eficiente. "Este centro non é un gasto, é un investimento no benestar das persoas maiores e no desenvolvemento da comarca", subliñaron dende o goberno provincial.
“Sempre dixemos que esta, a de Becerreá, responde a un modelo faraónico en comparación co resto de centros de maiores que temos, tendo en conta que o resto de residencias están en como moito 40 prazas e esta superará máis do dobre o número de prazas, con 96 prazas”, apuntou.
Con este acordo, a Deputación de Lugo reafirma o seu papel como referente en materia de benestar social e segue traballando para que o Centro de Maiores de Becerreá poida abrir as súa portas, garantindo un servizo de calidade para as persoas maiores e as súa familias.