A Deputación dá continuidade a tres liñas estratéxicas para reforzar o seu modelo de turismo de calidade e sostible este 2025
A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Salón de Plenos da Deputación unha reunión deste órgano participativo e consultivo, no que avanzou as accións da institución provincial para este ano 2025 e se ratificaron as bases dos Premios de Turismo que se celebrarán no mes de setembro.
García Porto sinalou que a institución provincial seguirá a reforzar o seu modelo de turismo de calidade e sostible, deseñado para posicionar a provincia como “un destino de referencia” baseado nunha oferta diversa e respectuosa co medio ambiente que é capaz de fomentar o desenvolvemento económico local. Entre as iniciativas destaca unha nova edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, este ano coa participación de 132 colectivos sen ánimo de lucro. “Unha acción que deseñamos no 2021 para apoiar a un sector tocado pola pandemia e co que xa conseguimos un retorno económico para a hostalaría e o turismo de máis de 600.000€”, valorou a Deputada.
“A proxección nacional e internacional tamén seguirá a ser un eixo clave na estratexia turística da nosa provincia”, avanzou Pilar García Porto. Sinalou que a institución xa participou en este comezo de ano en feiras e eventos da transcendencia de FITUR, Dakar ou Madrid Fusión e ten ademais confirmada a colaboración en grandes citas deportivas, como La Vuelta. Ademais as rutas fluviais seguirán a ser unha proposta estratéxica fundamental na Ribeira Sacra durante o 2025. Esta oferta da Deputación superou todas as expectativas o ano pasado con máis de 61.000 viaxeiros nas rutas do Canón do Sil e Cabo do Mundo.
Bases dos premios á excelencia turística e gastronómica
O Consello de Turismo ratificou ademais este venres as bases da sexta edición dos premios á excelencia do turismo da provincia nas diferentes categorías: Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Turismo Sostible e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Un ano máis, poderanse presentar persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de ámbito local e autonómico, nacional e internacional desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e coa intención de entregalos en setembro durante un acto público.
O xurado estará composto un ano máis polos representantes do Consello Provincial de Turismo que, nunha sesión extraordinaria, fallará os tres premios nas diferentes categorías. Estes galardóns teñen un carácter honorífico, igual que nas anteriores edicións, e consistirán nun diploma acreditativo e un agasallo.