A Deputación invita a desfrutar da Festa da Androlla, cita obrigada do domingo de Entroido en Navia
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXIV Festa da Androlla, que acollerá este concello da Montaña este domingo, 2 de marzo, coincidindo coa festividade do Entroido. No acto tamén estivo presente a produtora de androlla María del Carmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna.
A institución provincial colabora con esta cita gastronómica, que “é un auténtico escaparate para amosar a nosa rica gastronomía, as nosas tradicións e, por suposto, os produtos máis autóctonos da nosa terra”, subliñou Pablo Rivera, quen felicitou ao Alcalde e a todo o seu equipo de Goberno “pola organización dunha cita que chega aos 34 anos de vida e por seguir impulsando, con enerxía e ilusión, iniciativas como a Festa da Androlla, que, como dixen, supón un revulsivo importante a nivel económico para Navia”.
“A Androlla é un dos produtos que mellor representa a nosa identidade, un manxar do que nos sentimos profundamente orgullosos. Un embutido que é un verdadeiro embaixador da nosa tradición culinaria, e o seu éxito así o confirma. Está elaborada de forma artesanal a base de costela de porco adobada, con ingredientes de primeira calidade. Un produto cárnico que pasou de facerse antigamente para autoconsumo, a cruzar fronteiras e ser apreciado dentro e fóra das nosas fronteiras”,afirmou.
O Deputado destacou o labor de gandeiros, produtores e empresas locais como Embutidos Suarna, porque eles son os responsables, dixo, “do segredo deste sabor inconfundible e co seu traballo, contribúen á supervivencia do noso rural”.
Pablo Rivera destacou que a Festa da Androlla “non é unicamente unha cita gastronómica, é unha oportunidade para dar a coñecer todo o que hai detrás da nosa cultura, a nosa historia e, por suposto, a nosa xente. Unha festa que tamén se converte nun reclamo para o turismo, especialmente para ese turismo sostible e de proximidade que tanto promovemos desde a Deputación”.
José Fernández destacou que “a Festa da Androlla é unha das máis consolidadas a nivel gastronómico na provincia e en Lugo. Este produto é unha tradición no Concello de Navia de Suarna dende fai moito tempo e é unha forma de dar a coñecer a nosa vila a todas as persoas que se acheguen”.
Á venda máis de 2 mil quilos de androlla
Na XXXIV Festa da Androlla está previsto superar os 2.000 quilos deste produto que se venderon noutras edicións da feira. O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas e unha proba de habilidades; ás 10.30 horas dará comezo a XXXII Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas haberá degustación de androlla na Praza da Vila; ás 15.00 horas será o xantar oficial e ás 18.00 horas haberá de novo actuación do grupo de gaitas e a clausura da feira.