Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica por 1,12M€ os proxectos de mellora de 7 estradas ao seu paso por 11 concellos

MOBILIDADE
Rede provincial de estradas
concello de lugo
A Xunta de Goberno avanzou na contratación dos traballos que acondicionarán a LU-P-2904 entre Lugo e o Corgo; a LU-P-2301, en Guitiriz; a LU-P-2206, en Xermade; a LU-P-6509, en Vilalba; a LU-P-6101, en Trabada; a LU-P-3701, que dá servizo ás Nogais, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro; e a LU-P-2405 entre Guntín e Friol

Aprobada ademais a tramitación do procedemento para o alleamento dos bens almacenados na nave provincial situada no concello de Begonte por medio dunha poxa á alza que se convocará nas vindeiras semanas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por 1,12M€, dos proxectos de mellora de 7 estradas ao seu paso por 11 concellos da comarca de Lugo, A Mariña, A Chaira e A Montaña. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.

Entre os concellos de Lugo e O Corgo, a Deputación adxudicou os traballos de rehabilitación de preto de 6 quilómetros da LU-P-2904, que comunica parroquia lucense de Conturiz co concello do Páramo. A adxudicataria é ExplotacionesGallegas SL e acometerá as obras por un prezo de 229.889€. As obras afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 3,717 ao 9 e consistirán na limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización correspondente. O prazo de execución, neste caso, será de 2 meses desde o inicio dos traballos.

PabloRivera explicou que se trata dunhas obras relevantes porque esta estrada “dá servizo directo a varias parroquias e facilita o acceso a rutas de sendeirismo. E ten moito desgaste porque soporta a diario o tránsito de vehículos agrícolas”.

A institución provincial tamén adxudicou os traballos de mellora da LU-P-2301, que une o núcleo de Guitiriz con Vilares. A empresa adxudicataria é Francisco Gómez y Cía SL por un prezo de 213.322€. As obras afectarán ao tramo que vai dende o punto quilométrico 6,7 ata o 9,2 e consistirán na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización. O prazo de realización dos traballos será de 1 mes desde o seu inicio.

Cualificou Rivera Capón que se trata dunha “estrada importantísima para A Chaira porque enlaza a A-6 coa estrada autonómica LU-170 que vai de Parga a Momán, facilitando a conexión con Xermade en sentido á Mariña”. 

Francisco Gómez y Cía SL será tamén a empresa encargada dos traballos de mellora dun tramo de preto de catro quilómetros da LU-P-2206, que une en Xermade Roupar e Vilapedre por Lousada. Neste proxecto contémplase tamén a reposición de marcas viais de algo máis de 9 quilómetros da LU-P-6509, a estrada limítrofe que vai de Carrizo ata Lousada no concello de Vilalba.

Explicou o Deputado que as obras que afectarán á LU-P-2206 -do punto quilométrico 1,8 ao 5,5- consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prezo para as dúas actuacións será de 178.822€ e o prazo de execución previsto é tamén de un mes. Dúas actuacións que, en palabras de PabloRivera, que virán tamén mellorar as comunicacións na Chaira.

En Trabada quedou adxudicada a Construciones Isidro Otero SL a mellora da LU-P-6101, que une Trabadela ata a Ría por Sante por 130.776,58€. O tramo que se vai arranxar vai do punto quilométrico 1,3 ata o 3,5 e os traballos consistirán na pavimentación e no repintado da sinalización e o balizamento. O prazo para a realización destes traballos é dun mes e trátase dunha actuación importante porque esta estrada ten moita densidade de tráfico.

Nas Nogais a empresa Servicios Agrícolas y ExcavacionesFonsagrada SLU resultou adxudicataria dos traballos para mellorar a LU-P-3701, a vía que vai desde este municipio ata a LU-P-4504 por Pintinidoira. Concretamente, renovarase un treito de 20 quilómetros, desde o inicio da estrada, con 112.288€. Realizarase a reapertura de cunetas e a reparación de afundimentos cun prazo de execución de 2 meses desde que se inicien as obras. 

Rivera destacou que esta estrada “é importante para as comunicacións da Montaña, porque dá servizo ós concellos de As Nogais, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro”.

O Grupo Bascuas resultou finalmente adxudicatario, por 259.001,47€, das obras dun tramo de preto de 12 quilómetros da LU-P-2405, que é a estrada que conecta Guntín e Pardellas, en Friol por Entrambasaguas e San Román. Os traballos afectarán ao tramo que vai desde o inicio da estrada ao punto quilométrico 11,972 e consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación do firme e sinalización.

“Unha actuación moi importante tanto para Guntín como para Friol, porque vén completar as obras que fixemos este outono nesta mesma estrada entre os puntos quilométricos 13,9 e 14,7 cun investimento de 26.000€ e porque esta estrada  dá servizo a rutas de sendeirismo de gran interese, como a de San Román da Retorta, o que incrementa o seu valor non só como vía de comunicación, senón tamén como acceso a recursos turísticos e naturais da zona”, valorou o Deputado.

Poxa dos bens da nave provincial de Begonte

A Xunta de Goberno aprobou ademais a tramitación do procedemento para o alleamento dos efectos almacenados na nave provincial situada no concello de Begonte por medio dunha poxa pública polo sistema da alza. Segundo informou Rivera Capón, nas vindeiras semanas a Deputación sacará a convocatoria deste material, que se publicará na Plataforma de contratos da institución provincial e abrirase un prazo de 10 días para presentar as solicitudes. Os elementos sairán á poxa  nun único lote no que se atopan elementos moi diferentes como un camión ou un cortacéspede, elementos náuticos, ferramentas para traballar pedra, un depósito de auga, climatizadores, estruturas metálicas ou elementos para inmobles asistenciais.